Bikinis

Inma López Silva< / span> CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

O mundo do revés: o mesmo día que leo que Lancôme ficha unha belísima modelo musulmá, vexo que Irán, a través da súa Policía da Moral (parece un conto de Orwell), persegue as bonecas Barbie, que as nenas prefiren antes que a Sara, a boneca dos clérigos de Teherán que leva hiyab e non sabe que existe o bikini, a prenda preferida de Barbie, por fin independente e rica tralo seu divorcio (eu xogaba así).

Seguro que a modelo tunisiana de Lancôme xogou de nena coa Barbie, igual que non me cabe dúbida de que a deseñadora iraní Tala Raasi non realizaría os bikinis das Miss Universo se non fora porque se educou naquel tempo no que Irán non temía a Barbie ou Spiderman (ambos en busca e captura, carísimos no mercado negro) e a identidade nacional non perigaba polos brinquedos. Porque os nenos, ao medraren, acaban sabendo quen son en contra dos ditadores, non a favor dos xoguetes. E se reparan en que agora os xoguetes son todos chineses, aínda é todo máis surrealista.

É curioso: mentres as firmas internacionais entenderon que a visión eurocéntrica, branquiña e loira do mundo está demodé, aqueles a quen Occidente ama desde un exotismo inxenuo pero benintencionado repréganse no absurdo. Así, Lancôme, intuíndo (quizais trabucadamente) que a primavera árabe pode traerlle beneficios ante un volume crecente de consumidoras, contrata a unha muller que non só avisa de que se nega a espirse, senón que ademais leva por nome o antilancômiano Hanaa Ben Adbesslem. Mentres, Arabia Saudí vende bonecas sen cara, e Exipto, ese exemplo revolucionario, prohibe os bikinis. ¿É o mundo do revés ou a lóxica atroz do islam contra as mulleres libres?