Escríboche, benquerido Isaac, cun nó nas mans. Movo os dedos no ar para quitarlles a tristeza, miro a través da fiestra e maldigo este sol enorme que saíu, a modo de burla. O ceo e o canto dos paxaros deberan estar de loito. Sempre te coidei inmortal, por pura xustiza poética. Ti riraste, claro, sabes coma ninguén que ultimamente mesmo a xustiza poética vos esquiva aos sabios. Non cho reprocho. Paraches, suspiraches e descansaches de tanta vida. Pero déixame que me sinta orfa de sabedoría e de memoria. Levas os días nos que invitabas a cocacola e me regalabas historias da guerra e exilio, para escribilas, dicías, e salvalas. Levas risas de cando che dixen que se me fago empresaria, quero ser coma ti e investir en libros, conferencias e memoria recuperada todo o que podías investir en luxosas casas, traxes, iates e descapotables; ir sempre cun traxe griseiro que axude a dicirlle ao mundo que un é rico cando os seus cartos o converten no verdadeiro ministro de Cultura deste país. Isaac, morrer non te librará de seres o grande que non parecías cando outros, menos sabios e menos libres, te ollaban condescendentes.
Vai tranquilo. Aprendéchesnos a ler no pasado e no presente para un futuro como galegos libres. Non te preocupes, Isaac, tristeza e tempos malos non impedirán lembrar as leccións da túa mirada pícara. Que saibas que Díaz Pardo non morreu. Vive sempre na arte e na escrita que todo o resisten. Estarás. Ficarás. Grazas por ser.