Magos

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Desculpade, magos, que non vos escribise coa frecuencia debida nestes últimos anos. Non é porque deixara de crer en vós, senón porque o mundo anda tan patas arriba que un esquece as cousas importantes. Imaxino que tedes noticias dabondo sobre este territorio onde a imaxinación apenas manda; mandan, magos, os mercados. Case está prohibido recitar versos e, irracionalmente, o verbo «querer» repítese menos que outros: competir, recortar, posuír, dominar. Hai delincuentes que tiveron maior recoñecemento social que a xente esforzada. En verdade, magos, o esforzo e a honestidade deixaron de apreciarse aquí abaixo. Os especuladores, multimillonarios sen mérito, estragaron as finanzas e agora van ter que pagalo os que nunca especularon con nada: só coa alegría de contemplar o sol poñéndose no horizonte, as rulas peteirando o amencer, o aire fresco de xaneiro alimentándonos. O cinismo, aínda que non o creades, é un imperio: aqueles que enchen a boca coa palabra liberdade son os que máis censuran a liberdade dos outros. Os adolescentes pensan que un abrazo por Internet vale o mesmo que un abrazo cara a cara. Os nenos, que Bob Esponja existe e que vós, por contra, sodes produto da ficción. Os adultos consideran que o obxectivo é subir postos na escala social e esqueceron que o obxectivo, o único, é ser feliz. Aos vellos lúcidos non os escoitamos. Aos sabios témolos agachados e preferimos darlles valor a aqueles que carecen de valor, de valores. Reflexionamos pouco. Miramos máis a roupa que os ollos. Obviamos amar, amarnos. E ata aquí quería chegar. Amar, amarnos. Grazas por entender, atenderme, magos.