Unha de negación

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

N égome. Rotundamente.

Négome a comezar o ano pensando nos recortes, na subida do IRPF, no incremento dos impostos, e no longo e molesto etcétera que podería engadir decontado. Porque ademais, estas medidas foron unha sorpresa relativa. Sabiamos que era moi probable que acontecese.

Porque se me poño a falar, entraría nunha espiral da que sería difícil saír, pois os comentarios comezarían a medrar como unha bóla de neve. E o peor de todo sería que se me ían atragoar as doce uvas cando as badaladas máis agardadas do ano comezasen a soar.

O que mal comeza, soe rematar moito peor.

Mellor foi volvérmonos nenos e pensar no misterio das badaladas cargados de ilusión e azos renovados, que boa falta nos farán para enfrontarnos a todo o que queda por vir.

Hoxe vou pechar o xornal e dedicarme a ver cómo chove miudiño, e deixarme empapar por todas as pingas de soños e sorrisos que me acompañaron neste ano. Sería unha mágoa que a primeira semana deste 2012 xa se esgazasen os soños por cumprir. Prefiro crer que algún deles chegará a facerse realidade ao longo destes 365 días.

Sexamos positivos, e enchamos a nosa vida de pequenos grans de area cos que crear unha montaña forte e rexa na que acubillarnos nas duras batallas.

Construamos un camiño para avanzar, e que sexa punto de encontro.