O mestre, autoridade pública

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

18 oct 2018 . Actualizado a las 10:14 h.

Non hai tanto tempo que o mestre nin tiña recoñecemento económico nin académico, pero posuía autoridade e un grande prestixio social. Era unha figura respectada, apoiada e mesmo querida. As súas decisións estaban respaldadas polos pais dos alumnos, contando sempre con presunción de veracidade, aínda que esta non figurase en ningún documento oficial. Na década dos setenta do pasado século, o maxisterio recibía importantes subas salariais, logo de ter pasado unha etapa de verdadeira penuria económica. En poucos anos o soldo multiplicouse por tres, homologándose co resto dos funcionarios de similares características. Sen embargo, a partires daquela, a gratitude e o apoio da sociedade ao labor do profesor diminuía progresivamente. Pouco a pouco, os pais foron poñéndose de parte dos seus fillos, delegando cada vez máis as súas responsabilidades educativas no centro docente pero, ao mesmo tempo, culpando a este dos problemas e do fracaso escolar daqueles. A educación que non se da na casa demándaselles aos mestres, aínda que sen ratificar as súas decisións. Xa que logo, o divorcio familia-escola acabou sendo inevitable e ámbalas dúas institucións, esenciais na formación básica da persoa, deixaron de camiñar da man. Tocan agora reformas nos eidos académico e de goberno. No vixente marco do Espazo Europeo da Educación Superior, o título de mestre xa non é de nivel medio, senón que se homologa cos superiores, hoxe denominados graos. Os centros onde se formaban estes docentes pasan a ser facultades ou a integrarse nelas. Os aspirantes a docentes que non fagan Maxisterio teñen que facer un máster de formación pedagóxica. Canto ao goberno, a lei de convivencia e participación da comunidade educativa, en trámite no Parlamento galego, outorga ao profesorado a condición de autoridade pública, no exercicio das súas funcións. Estes avances son importantes e poderán contribuír á mellora da autoridade, da potestas do docente. Sen embargo, o seu prestixio, a súa auctoritas, que tanto se bota en falta, non se vai acadar só con reformas ou leis. Vai ser imprescindible que familia e escola recuperen a súa mutua confianza e apoio. A aspiración xa non é que os mestres sexan reverenciados, como ocorre en países que acadan mellores resultados educativos. Bastaría con que todos os axentes da educación remasen na mesma dirección, convencidos de que, sen esforzo e sacrificio, coordinado entre o fogar e a aula, os fillos non van alcanzar o éxito nunha sociedade que cada vez llelo pon máis difícil. Unha fonda crise coma a que estamos a vivir pode chegar a ter unha importancia decisiva neste camiño.