ACOSTUMA ser virtude dos intelectuais cregos, con permiso do J. Benda, sementar polémicas e debates. Abofé que o Saramago deu de cheo no albo. Tamén é certo que, a falta de lago Ness, nós temos de botar man doutros mitos. O iberismo ven sendo unha herdanza decimonónica, de cando auroraban os estados-nación mesmo que agromaran de vedrañas cepas como os dous peninsulares. Os nacionalismos español e portugués removéronse un chisco cos comentarios do Nobel, uns enfatizando «Portugal, comunidade autónoma de España», outros lembrando que vale máis vivir «um minuto português que uma vida castelão». Ningún dos dous reparou que a Iberia de Saramago é a superación dos dous estados-nación, mesmo Portugal permanecería singularizado mentres que España como tal non. Pero, nestes días en que os científicos nos explican como foi que se separou o continente das illas Británicas -¿ou fora ao revés?-, eu non quero embarcar na xangada de pedra. Por contra, creo que o noso futuro común, galegos incluídos, pasa por Europa. As ditaduras de Franco e Salazar fixéronnos vivir de costas e Europa volveunos a reencontrar. En 1985, Portugal exportaba a España o 4,2% do seu comercio e importaba o 11%. No 2004, exportaba o 26,2% e importaba o 31,1%. Desde 1991, España é o principal provedor de Portugal e, desde o 2000, o seu principal cliente. Portugal é para España o terceiro cliente e o sétimo provedor. As mentalidades mudan máis lentamente que os intercambios económicos e é verdade que en Portugal vese con receo o desembarco de firmas españolas na avenida da Liberdade, pero a aposta gañadora pode ser traballar por unha cidadanía europea baseada no principio: unidos na diversidade. Unha diversidade nacida das comunidades culturais que integran o noso continente, como reclamaban os vellos galeguistas na longa noite de pedra. No presente, Portugal e España son realidades consolidadas chamadas a cooperar nunha estratexia de win-win . Nesta singradura, galegos e minhotos , extremeños e alemtejanos , levamos andado camiño, o camiño das eurorrexións.