Un espazo para o encontro

| GUILLERMO MEIJÓN COUSELO |

OPINIÓN

APENAS hai catro meses que, en rolda de prensa conxunta, a conselleira de Educación e os grupos parlamentarios do PP, do BNG e do PSOE anunciabamos o consenso total respecto do texto do novo decreto que ía concretar no sistema educativo as medidas propostas no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia en setembro do 2004. Remarco o de «consenso total»: o acadado entre a Consellería e as forzas políticas non foi un acordo de grandes liñas, senón un pacto baseado no texto final do decreto, un arduo traballo de consenso levado a cabo artigo por artigo. Procedemento que, por certo, honra á conselleira Laura Sánchez, quen non dubidou en liderar unha oferta -a de consensuar un decreto- inusitada en gobernos anteriores. O decreto aprobado no DOG respecta escrupulosamente o Plan de Normalización e o texto pactado polos tres grupos coa consellería. Os cambios introducidos responden a medidas indicadas polo Consello Consultivo e, en grande medida, a iniciativas do propio PP ata última hora. Este decreto é un instrumento que pretende asegurar que os nosos mozos e mozas acaden unha competencia lingüística semellante tanto no idioma español coma no galego. Coñécese desde a psico-socio-lingüística que isto de certo non só non limita as aprendizaxes, senón que as potencia. De aí a coherencia desta medida co gran investimento realizado por este Goberno para acadar tamén unha competencia de excelencia en linguas estranxeiras. Non é de recibo que o PP rexeite agora este decreto, cando os seus representantes na negociación, e o propio Alberto Núñez Feijoo, que coñecía o texto pactado perfectamente, estiveron a favor de todos e cada un dos artigos. Así consta nas súas manifestacións públicas, nas que se facía expresa mención de que a normativa proposta era acorde co Plan de Normalización. O PP deberá explicar a causa real do seu cambio de criterio, non só respecto do decreto, senón mesmo no que atinxe ao propio plan aprobado polas tres forzas parlamentarias na era Fraga. Romper un consenso de máis de vinte anos en materia lingüística, dende a aprobación da Lei de Normalización do ano 1983, non é un tema menor nun país no que a convivencia, a tolerancia e a concordia en materia lingüística é o que desexan a grande maioría dos seus cidadáns. Importar conflitos doutras partes do Estado, sementar crispación e intolerancia, non parecen as mellores fórmulas de apostar por Galicia. Esta é, por desgraza, unha estratexia que adoita utilizar Núñez Feijoo, como quedou ben patente no frustrado intento de reformar o Estatuto de Autonomía. Coa súa postura actual, semella que ao PP hai cuestións que só lle serven cando ostenta o poder, pero non cando está na oposición. O presidente da Xunta reclamaba hai pouco traballar en dirección positiva a favor da nosa lingua. Nese camiño sempre nos atoparán aos socialistas, e moito máis cando falamos dun entorno tan prezado como é o noso sistema educativo.