HABÍA unha vez María, coleccionista de matrículas de honra, premios e felicitacións. María era unha desas estudantes a quen, despois de dous anos de doutoramento e sen outra opción laboral ca de ser bolseira, lle deron unha oportunidade: un contrato en Estados Unidos para facer a tese. Cando María chegou a América, non era para quedar: «Alá están os meus», pensaba; «estudei moito para estar con eles». Pero o tempo traizoou as súas intencións e, cando foi doutora, os ianquis ofrecéronlle un bo traballo. «¿Canto tería que agardar en España ata conseguir un posto así?», dixo, e ademais, despois de pór no currículo a experiencia na universidade prestixiosa, igual a chamaban de España. María casou en América e, día a día, converteuse en emigrante, traballando e afacéndose a que a sorprendese a ansia de volver. Por iso, dez anos despois, buscaba en Internet contratos para regresar e convencía ao marido de que España era o mellor lugar do mundo. Un día, María atopou a súa terceira oportunidade en forma de «contrato de reincorporación», con requisitos imposíbeis para quen non estivese na elite. Ela era a elite, así que reuniu premios, currículo brillante e anos de experiencia, mandounos, gañou por última vez e volveu a España. Pero non sabía o prezo do regreso: enfrontarse co medo á descoñecida e ter un soldo que a relegaba á supervivencia, pois o I+D de elite por aquí é cousa de superviventes. Así, María pasou a ser atleta nunha carreira de obstáculos, convencendo á familia do outro lado do océano de que foi bo marchar e lidando cos que non marcharan, non falaban tres idiomas, non escribiran libros, pero compartían con ela despachos, aulas, reunións. María, sen que se soubese, volveu sentirse emigrante e púxose a mirar en Internet cómo regresar alí onde os investigadores brillantes podían vivir.