NON ME inspiraba para escribir sobre o estado da nación, e decidín pór a andar a operación bikini. Non falo de deixar de comer e ir ao ximnasio, cousas imposíbeis para as mileuristas, que somos expertas no uso do tupperware, ese gran invento. Grazas aos tupperwares da miña nai, a celulite instalóuseme a vivir na barriga, así que estou obrigada a entender literalmente o termo operación bikini: fun polo bikini que levaba semanas mirando gorentosa, necesitada de que chegasen as rebaixas. Entrar nunha tenda en saldo é tarefa de comando especial. Hai que sortear histéricas que pelexan por un bolso coma se fose o último home vivo e, se unha chega coma unha apisoadora ao estante dos bikinis, descobre a lóxica inhumana das rebaixas: todo muda de sitio. E volta a pisotear histéricas, a mergullar entre mileuristas desesperadas por tirar os farrapos que levan postos, a rabuñar mans entre andeis nos que atopar talla é cuestión de sorte. Ademais, hai que probar o bikini por riba da roupa (os probadores son coma unha cola de racionamento) e botarlle imaxinación: esforceime e visualiceime na praia, ao sol, rebosando a celulite dos tupperwares de mamá. Fun contenta por completar a operación bikini, pero a rapaza da caixa, mileurista coma min, despediu a sensación de que ela si podía investir o soldo en roupa, cine, ceas... Só dixo, mecanicamente: «¿Sabía vostede que esta prenda non ten desconto?». Quizais a única solución para comprar un bikini sen ter que matar á dependenta sexa aceptar a oferta do Presidente e cobrar por ter un fillo. Claro que, despois dun embarazo, a ver quén entra no bikini, e para operarse diso non chegan eses 2500 pavos. Ás mileuristas, nada nos salva de acabar así, coma min, comendo nos tupperwares do cárcere da Lama, imaxinando o que é tomar o sol en bikini.