ERA Amalia Rodrigues a que dicía que dende que a morte existe a vida non ten sentido. Era Amalia Rodrigues, e o fado enteiro, e os poemas de amor triste dos poetas auténticos, e a noite toda que se mira nos espellos da soidade, golosa. Dende que a morte existe a vida non ten sentido. Nas plantas de oncoloxía dos hospitais, ese labirinto, os profesionais teñen unha frase que os empuxa a seguir: «Se non podes dar días á vida, dá vida aos días». Son xente na que non pensamos ata que toca, e algunha vez toca. Eles, os de oncoloxía, e outros, que traballan para que ti mais eu poidamos derrotar tantos imposibles. Hoxe penso neles porque penso na vida. Dixen máis dunha vez, e quero dicilo outra máis, que non coñezo unha profesión máis digna que a medicina. Quero gritalo ben alto neste país onde a noticia son as listas de espera, e a espera para que te operen, e a espera para que non desesperes de tanto esperar. Quero dicir que os médicos están por riba daqueles que os administran. Por riba de min, que escribo para sobrevivir, e de ti que me les adurmiñado entre o cruasán da actualidade. Salvar vidas é máis útil que calquera metáfora. Salvar vidas é a única vocación admirable. Salvar vidas é procrear unha humanidade mellor, máis humana quero dicir. Ás veces eu golpeo as barras dos meus bares porque non soporto o absurdo: a morte, digo. Pero despois miro os restos que quedan de tantos naufraxios. Vivimos sen saber que vivimos: a vida corre mentres nós procuramos éxito e prevalencia. A vida corre. Por tal motivo eu escribo este martes a consigna do meu afán: se non podes dar días á vida, dá vida aos días. Non coñezo un principio mellor. Vivimos sen saber que vivimos. Amalia estaba equivocada: o sentido da vida é a propia vida. Punto. Vive, corazón.