Letras e himnos

| MIGUEL-ANXO MURADO |

OPINIÓN

07 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

ESCOITEI a Mariano Rajoy dicindo que vai propoñer no Congreso que se lle escriba unha letra ao himno español. Axiña o ministro Moratinos sumábase entusiasmado á iniciativa (se ben claramente preocupado por ter que memorizar un texto tan longo). Unha letra para o himno español... E eu, e dito sexa con todo o respecto, que creo que máis que poñerlle unha letra o que habería é que quitarlle a música... Hai que admitir que ese himno sempre foi problemático, en varios sentidos. Musicalmente non é Beethoven, e se é mudo é por algo. Para empezar, é unha marcha militar, inglesa por certo (eis un exemplo de piratería discográfica). De aí que, co seu peculiar paso, todos os esforzos que se fixeron para enriquecela con palabras acabasen no ridículo. Finalmente, Franco recorreu ao ínclito don José María Pemán, aquel poeta con pura alma de NO-DO . Pero nin sequera Pemán, que tiña un verbo lírico tan recio (digámolo así), puido con esta melodía imposible, e o que lle saíu foi tan horroroso que nin Franco podía cantalo sen escachar da risa. A decisión de que non era preciso aprender aquilo foi, posiblemente, a única que tomou o ditador guiado por un espírito compasivo. Visto desde hoxe, de feito, ese silencio canoro mesmo parece unha boa metáfora do que foi a historia de España desde que se adoptou tal himno: mellor calar. Así, a xeración anterior á miña adquiriu o reflexo condicionado de quedarse ríxida cando soaban eses acordes, porque entón era que algo moi malo ou algo moi aburrido ía pasar. A miña xeración, igualmente, aprendeu a escoitalo con tristura, porque anunciaba a fin da programación da tele. Viña seguido dun asubío insoportable que nos obrigaba a taparnos os oídos cada vez. Non era por política (eramos uns nenos), pero quizais o costume crea o hábito. E así chegamos a estes tempos nos que, afortunadamente, un himno é máis que nada unha sintonía que anuncia o fútbol. Igual que cada vez que soa o himno galego (coa xente desafinando sempre na palabra «rumorosos») sei que por aí preto andarán xa fritindo sardiñas, se tocan o español xa sei que é que lle van meter unha malleira ao equipo de Luis Aragonés. Os himnos, por sorte, xa non importan, ou non deberían. E resulta que é agora cando Rajoy lle quere poñer letra ao del... «porque los hinchas lo quieren cantar en los estadios», di. Non sei. Tal e como xoga España, creo que mellor o poden expresar con xestos.