O DÍA que Rafiq Naunari violou a rapaza, non imaxinou que ía saír nos xornais de medio mundo. Había cinco anos que se obsesionara. Aquel cabelo liso, a pel morena, os ollos riscados das princesas das Mil e unha noites, as perniñas de nena de oito anos que xoga nas aldeas de Pakistán... Aquela nena tiña que ser súa e o pai non lla quería vender. Durante un lustro, Rafiq desexouna cada vez que a viu, e aínda a desexaba máis ao botarse mecanicamente sobre a súa esposa, que o agardaba co xantar feito e as pernas abertas. Un día, Rafiq non aturou máis. Secuestrouna, violouna e alí a deixou, cos seus oito anos, sangrando sobre o chan frío de Pakistán. A nena chegou e Muhammad Nawaz, o seu pai, montou en cólera. Primeiro pensou que a culpa era dela, pero axiña se decatou de que as nenas de oito anos non teñen por costume provocar homes feitos e dereitos. Alguén lle dixo entón: «que a policía non nos avergoñe máis», e o pai deshonrado deixou aos veciños proceder como se fixo sempre no leste de Pakistán. Ofrecéronlle en compensación e en matrimonio as catro fillas do violador, pero Muhammad non as quixo. Despois, determinouse que había un quid pro quo moito mellor: que o pai da nena viole a muller de Rafiq. ¡Viva!, dixeron todos. Pero ela, que de parva non tiña nada, puxo pés en polvorosa e mandounos a todos, fillos incluídos, a tomar vento. E a muller de Muhammad, aínda chorosa polo que lle pasara a súa filla, estivo a piques de seguila, recoñecendo ás claras algo que xa intuíra outras veces: un ar de despeito porque o seu home quixera violar a outra muller. Aos xornais de medio mundo, ao final, case lles esquece a nena, que agora tapa as pernas de oito anos. Cando sexa grande (soña ela) vou casar cun soldado que me saque das Mil e unha noites e me convide a vivir en París.