TRES PARTIDOS, tres resultados. Como ben dicía este xornal o sábado, os resultados poden ser bos, aceptables ou malos. Todos queren gañar, pero non todos poden facelo. As eleccións son a festa da democracia, pero os resultados, segundo como se levara a festa, poden deixar diferente sabor. As cidades son o centro político de Galicia e o primeiro indicador para a análise son as percepcións creadas polas sondaxes na campaña. Respecto delas hai moitas sorpresas: na Coruña non se contaba coa perda da maioría absoluta do PSOE, pero o PP mellorou os seus resultados e o BNG entrará no goberno; en Lugo non arrasou Orozco, en Santiago o PSOE estivo lonxe da maioría absoluta que se lle auguraba e o PP non se esperaba que quedase por riba, e o BNG mantense. En Ferrol confirmouse o prognóstico, incluída a desfeita do BNG, que mesmo afecta a Fene. En Vigo tamén: Corina cumpriu o que puido pero non chegou para evitar que a esquerda recuperase o poder que lle cedera. En Pontevedra, a coalición librou por pouco o goberno pola subida do PP e a baixada do BNG. O PP perde poder municipal despois de perder o da autonomía e gáñano conxuntamente o PSOE, que gobernará seis cidades, e o BNG, que gobernará unha e cogobernará nas demais. A caída do poder do PP é estrutural e anuncia unha onda de futuro que favorece ao bipartito, pois o seu poder redúcese tamén en vilas emblemáticas que articulan grandes comarcas: Viveiro, Carballo, Monforte, ou pérdeo en Cangas, Ares, Burela, A Estrada, Melide, Mondoñedo, Noia, Chantada, conforme se incrementa o do PSOE e o BNG. Teo, Gondomar ou Muxía son tamén perdas emblemáticas para un PP que só gaña unha alcaldía significativa: a de Carnota. O BNG aumentará o número de alcaldías e o PSOE, aínda máis. Se a isto se lle engade a perda da Deputación de Lugo, estamos asistindo á fin dunha época e ao inicio doutra en Galicia. Un inmenso poder para os partidos que están no Goberno da Xunta e que poderán administrar para facer grandes mudanzas. De todos xeitos, as subidas de Esquerda Unida en Ferrol ou Vilagarcía indican que o Goberno non atende ben as expectativas dos votantes que queren unha mudanza máis sólida. O PP, obrigado a repensar a súa posición cara o futuro, segue a ser un xigante, pero cada vez máis ferido. O seu bo resultado electoral non poderá ser demostrado dende ningún goberno significativo, agás as deputacións do sur. O reparto de cualificativos non o farei eu. Farano as executivas dos tres partidos nos próximos días, equilibrando os seus intereses internos e moitas veces contraditorios. Pero resumiríamos en: ben para o PSOE, aceptable ao BNG e mal para o PP.