«História do Português»

| XAVIER ALCALÁ |

OPINIÓN

14 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

A EDITORIAL Caminho de Lisboa publica unha colección de libros sobre lingüística baixo o título xeral de O Esencial. Deles hai un que interesa especialmente aquén do Miño, o referente ao esencial sobre a História do Português, da profesora Esperança Cardeira. Cardeira vai lonxe no tempo, mergúllase entre romanos e bárbaros e fai aflorar dúas linguas latinas, o mozárabe e o galego-portugués, que van entrar en conflito co avance da reconquista na faixa occidental da Península, sobre zonas en que tamén se falaban bérber e árabe oficial. O galego foi lingua de conquistadores imposta a punta de espada e Esperança Cardeira vénnos descubrir cun mapa curioso, centrado nun só termo, as zonas onde se fixarían tres falas, unha das cales se impuxo como o portugués oficial. Na noroccidental dicíase anho , na central, cordeiro e na do sur, borrego . A noroccidental inclúe toda a Gallaecia portuguesa, con Braga e Porto. A do sur inclúe a Estremadura onde os lisboetas se souberon impor cando nin se soñaba coa radio e a televisión que acabarían de matar «os dialectos galegos». O libro, sinxelo, esquemático, vainos levando do portugués antigo ao clásico e ao moderno, con constantes referencias ao galego e ao brasileiro; e fai levantar no lector unha vella pregunta: se a capital de Portugal tivese sido o Porto, ¿habería distingos entre galego e portugués? A resposta podería ser: se no galego se tivese mantido a grafía histórica, mal se podería distinguir o que, no fondo, é a mesma lingua.