| O |
30 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.ESTE maio brindaremos pola vida, que sempre pasa. Apagaremos a escuridade coa luz máis linda do mencer. Estaremos acompañados, e algunha vez estaremos máis sós que a soidade. Botaremos de menos aos que non están. Amaremos o que nunca existe. Escoitaremos cancións no coche e deixaremos escapar unha lágrima porque somos uns sentimentais, e non aprendemos, maldita sexa. Recitaremos poemas ás estrelas e as estrelas terán ollos lindos, e acariciarán as nosas mans, e darán bicos suaves. Quintana, Touriño e Feijoo xogarán ao póker das eleccións e todos serán vencedores, e ninguén perderá, y que llueva que llueva la virgen de la cueva. Exactamente, choverá. E outras veces o sol sairá como se fose o rostro que pensas e non deixas de pensar. Gritaremos, desconsoladamente, que nos retiramos da noite para sempre: da noite, dos vasos, da mala vida e desta vida de malos que levamos. E volveremos á noite, porque a botamos tanto de menos. Seguiremos protestando en contra da inxustiza, do tren con retraso, das industrias que se van, das que non veñen, e seguiremos amando este país ata o fondo da alma. Protestaremos, repito, e non nos moverán. Roubaremos unha ilusión que nos devolva a ilusión perdida. Diremos que somos maiores e que xa vai sendo hora de sentar cabeza. E nunca sentaremos a cabeza: porque non hai outro destino máis fermoso. Non creceremos. Resistiremos, aínda que saibamos que aqueles que resisten non sempre ganan. Algúns ganarán, outros seguiremos perdendo o presente para non ganar o futuro. Amaremos o amor, aínda que o amor non nos ame, canalla. Caeremos, e volveremos a levantarnos. Non soportaremos o verbo lastimar. Cantaremos un bolero á lúa, que sempre nos mira coa mesma cara namorada. E brindaremos pola vida, que sempre pasa. En maio, corazón.