ADOITABA deitarme feliz, sabendo que, malia o noso parecido xenético cos chimpancés, non somos coma o resto dos animais. Sabía que quedan humanas que se desfán das crías por un ataque de ira, por non ter comida, por non condenalas á pobreza ou por indiferenza, coma a nai do osiño Knut que o abandonou para que os nenos berlineses lle dean o biberón. Pero non sabía de casos nos que unha nai quere tirar coa filla porque non a atura. Perdín o sono o día que descubrín un exemplar de asturiana que, alardeando de raciocinio, lle pediu ao Estado que se encargase da súa filla de 13 anos por non dar feito bo dela. Seguro que esa rapaza estaba mellor no cárcere ca na casa, pero as leis adoitan presupor que os pais se comprometen a ter tino dos fillos mentres son menores, por idiotas que sexan uns e os outros. É o que hai, dixen mentres sentaba na cama. Seguro que esta nena non é peor do que foi Lucrecia Borgia aos seus anos, e os seus pais aturárona igual. No insomnio, matinei. Se a maior parte dos adolescentes non derivan en criminais, ¿tiña o Estado a culpa da vocación delincuente dunha deles? ¿Debía o Estado facer o que uns pais non fixeron nos últimos 13 anos? Non, pero habería que tomar medidas contrarrevolucionarias ante o aumento exponencial de adolescentes revirados. Soñei entón cun sistema de multas por gamberrada a pagar polos pais, e así a educación viría como consecuencia da natural (e moi humana) vontade de aforro. Pero isto semella moi impopular, sobre todo en campaña electoral, así que o que lle toca á asturiana é aturar a filla, aínda que sexa un pesadelo. Hai quen pensa que o Estado é Deus, pero a algúns adolescentes nin Deus os volve ao rego. Ata que medren, teñan fillos, estes maten unha mestra e os avós lles digan, por fin, «agora amoládesvos vós».