O 26 DE ABRIL de 1937 os avións da Lexión Cóndor bombardearon Guernica. Durante máis de tres horas a pequena vila de Euskadi, capital cultural e histórica dos vascos, foi literalmente machucada. Aínda hoxe non se poñen de acordo os historiadores sobre o número de vítimas, todas elas pertencentes á poboación civil. A cifra máis admitida anda arredor do millar, o que de ser certo significaría que case o 20 por cento dos habitantes sucumbiron. O 70% dos edificios tamén foron destruídos. Hoxe Guernica forma parte dos desgraciadamente bastante numerosos capítulos da ignominia e da barbarie humana. Tamén da mentira programada. Tratábase de ensaiar unha acción de forza suficientemente brutal e intimidadora que abaixase a moral das forzas republicanas, e mesmo que impresionase aos británicos, na confrontación que xa daquela mantiña Hitler, aliado de Franco, con Londres. Pero diante da magnitude da masacre, a prensa fascista da época e os seus aliados (tamén fóra de España) deu en dicir que a vila fora destruída polos propios soldados vascos, axudados por dinamiteiros asturianos, nunha clásica acción de terra queimada . En sendo eu neno moita xente repetía esta versión, mesmo de boa fe, intoxicada pola propaganda dun réxime que entre os seus principais obxectivos tivo sempre o de extirpar a memoria, calquera resto de memoria. Antes da mentira de Guernica houbo outras. A da voadura do acoirazado Maine , por exemplo, na noite do 15 de febreiro de 1898 diante dos peiraos de La Habana, que serviu de pretexto para a intervención norteamericana na guerra de Cuba contra España. As guerras de poder foron sempre (tamén) guerras de información e de propaganda, hoxe igual que hai mil anos: na mesa dos estrategos que planificaron dende o Pentágono os negocios de ocupación de Afganistán e de Iraq (aínda ninguén nos explicou os grandes beneficios que ían apañar as empresas españolas na reconstrución daqueles países masacrados) ou nos púlpitos do franquismo, cando acusaban de asasinos aos resistentes republicanos fuxidos polos montes de León e de Galicia. Hai mentiras grandes e mentiras pequenas (non por iso menos desculpables). Mentiras de gran aparato e mentiras domésticas, coma as manipulacións da información dalgúns xornais que deitan verdades a medias (que logo ninguén emenda) ou os silencios oficiais dos ministerios, as empresas poderosas ou as Administracións públicas. Os historiadores están para reconstruír a memoria con datos e documentos, non para disimulala. Está ben que lembremos Guernica. Está ben que lembremos a manipulación criminal daquela vergonza. Para non repetila. Está ben que lembremos Iraq e o conto das armas de destrución masiva. Para non caer na miseria moral daqueloutro Goebbels, ministro de Propaganda do Terceiro Reich, quen impunemente afirmaba que unha mentira, cando se repite mil veces, acaba converténdose en verdade.