ENTRE AS novas destes días, que semellan as de sempre, apareceu unha distinta. Continúan sumándose as agresións a mulleres, proseguen as operacións contra o tráfico de drogas, non cesan os debates políticos que camiñan a ningures... e no medio dos asubíos das balas cortando o aire e o alento na Universidade de Virxinia, coouse o Día do Libro, dun xeito tan sutil que case se nos escapa da atención. Non sei qué pensaban os alumnos desas aulas sobre os libros que estudaban ou das palabras que aprendían dos seus profesores. Só podo imaxinar qué estarán a opinar agora da libre posesión de armas. Tamén me intriga cánta importancia se lle pode dar a un grupo de follas de papel grampadas ou cosidas a unhas tapas, máis que nunca nos tempos que corren, nos que a televisión, a electrónica e o desasosego invadiron as nosas vidas. Miña nai lembra perfectamente o primeiro libro que lle regalaron. O gato con botas . Recórdao ela, e nós, porque aínda o temos na casa, un pouco máis gastado. As ilustracións eran móbiles, e de tanto usalas, e xogar con el, perdeu o lustre dos primeiros días, que non a maxia. Sorpréndeme que sobrevivise ao paso do tempo e ás modernidades, non só ese título, senón o libro en xeral. O porqué segue sendo un misterio. Nos libros fanse infinidade de viaxes, a lugares reais e imaxinarios, percorrendo vales, ríos, montes, mares... visitando zonas que os autores nos queren ensinar. Nos libros atópanse soños e constrúense outros. Nos libros estúdase a educación primaria, o bacharelato, a carreira... Nos libros atópanse as respostas a diversas dúbidas, aínda que non a do porqué da matanza levada a cabo por Cho Seung-Hui. O libro acompáñate na soidade, elixida ou imposta, porque sabe falar e estar calado, sabe contar e escoitar. Quero un mundo sen balas, un mundo con libros.