O MEU avó José María tiña unha pistola. Como era médico rural nos anos corenta temía aos bandidos, e por iso a comprou. Moitos anos despois contábame que fora a peor compra da súa vida. Cando por fin un día uns encarrapuchados lle saíron ao paso na serra de Meira, as mans tremíanlle tanto que a arma lle caeu da man. Un dos homes recolleuna e devolveulla: «Doutor Murado -díxolle- vaise mancar». Eran da guerrilla e o que querían era que fose curar a un dos seus feridos. Esa pistola debe seguir por algún lado entre as cousas do meu avó, enferruxada; un arma que non chegou a dispararse nunca. Pensaba nisto mentres vía os debates na CNN sobre o dereito a levar armas, despois da masacre dese campus de Virxinia. Lembreime porque, cada vez que quero crer que o mundo avanza en algo, penso nese feito de que eu non só non necesito un arma, senón que nin sequera creo que me conveña tela, como lle pasaba ao meu avó. O grande paso da civilización europea non foi a Declaración dos Dereitos do Home , con ser importante (foi seguida dunha das peores matanzas da historia, a Revolución francesa), senón ese día, nunca celebrado, en que decidimos desarmarnos e conceder ao Estado o monopolio da violencia. Non quere dicirse que o Estado sempre usase ben ese monopolio, pero foi un avance xigantesco. EE. UU. presenta ese déficit de sentido común incomprensible. Nin sequera é certo, como se repite estes días, que o dereito a posuír armas estea consagrado na Constitución, que non fala máis que do dereito a «tomar as armas» dentro «dunha milicia organizada». Refírese ao que agora se chama Garda Nacional e forma parte do Exército. Pero nin sequera é ese, ao meu ver, o problema, nin tampouco a traxedia do campus de Virxinia, que é terrible pero non tan frecuente. O problema é educar constantemente a millóns de persoas do país máis poderoso do mundo na crenza de que a violencia é un dereito que hai que preservar. Ata o meu avó, aquela noite na serra de Meira, comprendeu que iso é un erro.