2050

| INMA LÓPEZ SILVA |

OPINIÓN

GALICIA, 2050. Como o 80% da poboación temos máis de 70 anos, aprobamos unha reforma do Estatuto: rexémonos pola xerontocracia. ¡Xaora!¿ gobernaban os vellos cando eu era nena... Con todo, non se conseguiu introducir a cláusula da autodeterminación, nin a da república. Como corresponde, son Presidenta do Goberno. Desde unha fiestra da residencia no Monte Pío, miro con nostalxia o barrio onde vivía de nova. O garaxe ilegal segue alí. O meu apartamento de 30 metros cadrados custa agora 300 millóns de euros. Polas ruínas da universidade pasean os gatos e os turistas. Naqueles días, érame imposíbel imaxinar cómo sería esta Galicia do 2050. É certo que xa sabía que non tería dereito á xubilación, e moito menos sendo escritora, pero importábame moito menos do que me importou xusto antes de ser presidenta, cando pensaba que todos os vellos iamos ter que emigrar outra vez, como cando eramos recén licenciados brillantes. O único que me preocupaba de nova era vivir a vida e os amores, pois estaba convencida de que a vellez non entende de tersuras na pel, de aromas e paixóns. Sobre todo de paixóns. Cría que no 2050 o amor non me importaría, que podería dedicarme feliz a dar conferencias alardeando da sabedoría, da experiencia e da memoria histórica. Trabuqueime. No amor, a verdade, as cousas non cambiaron moito. Sigo apaixonada. Séguenme gustando as caricias. E sigo co meu mozo, cada un na súa casa porque nunca nos atrevemos a pedir unha hipoteca xuntos. Aínda hoxe non a teríamos rematada de pagar... Pola contra, as conferencias non me fan nada feliz: non me gusta falar de memoria cos outros vellos. En realidade, o único que me gusta facer nesta Galicia do 2050 é sentar no Monte Pío e lembrar a época de cando cría que todo esmorecería se había máis vellos ca novos. Quizais foi así.