A DÚAS mulleres novas, costeleiras nun paso de procesión nunha cidade andaluza, o irmán maior da confraría prohibiulles seguir exercendo ese labor porque -dixo- o escaso espazo no que se moven baixo a peaña préstase a roces entre homes e mulleres. O confrade foi apoiado na súa decisión polo bispo da diocese. A noticia ten un aire doutros tempos, de situacións do pasado, daquela época na que os curas condenaban que as rapazas montasen en bicicleta, non polo que tivese de modernidade o feito, senón «pola forma do sillín». Esa obsesión por ver aspectos pecaminosos e sexuais en situacións que pouco ou nada tiñan que ver co sexo ou co pecado, pensaba eu que era auga pasada, pero vese que non. As rapazas costeleiras reaccionaron como xente de hoxe e argumentaron que a decisión do confrade maior é un caso de discriminación, e que como tal, debería ser xulgado. Non se sentiron ofendidas pola desconfianza ante a súa moralidade, senón pola inxustiza social que leva implícita. Tamén algún dos compañeiros costeleiros, novos coma elas, fixeron comentarios que demostran o cambio de mentalidade. Alí debaixo -dixeron- está un ao que está, que é mover a imaxe. Hai moitos outros días e ocasións para outras cousas. Pero tanto o confrade maior como o bispo seguen ancorados no pasado. Eu lémbrome doutras Semanas Santas nas que se non ías ás procesións ou aos oficios da igrexa non podías facer nada máis: na radio só soaba música clásica ou relixiosa, nos cines as películas eran bíblicas ou de W. Disney, non había discotecas, nin era frecuente viaxar en busca do sol. Quixeras ou non, a Semana Santa era tempo de penitencia. Agora, a Semana Santa é tempo de vacacións. E quen decide ir á procesión faino porque lle gusta o espectáculo ou porque ten un sentido relixioso da vida, como as costeleiras expulsadas -aínda que logo readmitidas- e non por que non teñan outras opcións. Pero vese que aínda hai xente reprimida que pensa que unha rapaza nova necesita meterse debaixo dun santo para arrimarse a un rapaz.