Cocker

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CARLOS CANEIRO

02 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

HAI pianos que tocan cancións que non son de amor: e só queda a nostalxia. Hai gatos que non me acompañan cando paseo noctámbulo calquera noite desta semana: sen santa, sen estrelas, sen máis luz que esta columna apesadumbrada. E todo por ti, Joe. Vello Joe Cocker, que antes de escribir esta columna apuñalaches o pouco de alegría que quedaba no meu adentro. Eu quería escribir de Villar e de Mir, ou sexa, de por que a Villar e a Mir (que parecen dous, pola súa relevancia) non os expropian e a min, que son un pobre escritor da periferia, me expropian. Sempre fun un expropiado, sería un bo título para o meu epitafio. Pero que esperen, o título e o epitafio. Porque Villar e Mir están retrasando o AVE e ninguén os expropia. A min, si. Fixéronme unha estrada que ninguén pediu. Quitáronme metros da miña diminuta finca. E, sen preguntarme canto valía o terreo, pagáronme o metro dez veces menos do que marca o actual mercado. Viva a Constitución, e a Xustiza, e Villar e Mir, ambos. Eu, reitero, son o expropiado. Villar e Mir é un privilexiado que coa concesión da mina fixo un agosto cada inverno, e xa son varios. Pero Villar e Mir xa non me desgustan: «Que el mundo fue y será una tontería ya lo sé», cantaba Santos Discépolo. Perder, corazón, sempre perdemos os mesmos. A min, neste luns que escribo para martes, o que me funde máis fundido que o Titanic é a noticia de La Voz. Que Cocker está en Mira quién baila. E pego unha patada no bidón do gozo. E tírome dos pelos. E tírome da alma. Cocker, o gran Cocker, aquel que cantaba Delta Lady e Unchain my Heart coa voz rota. Cocker, que camiñou de bar en bar comigo. Cocker, que susurraba boleros de rock con vodka. Cocker de barrio melancolía. Maldita sexa por sempre a estupidez. Ela tentou a Joe. Só queda a nostalxia.