OS CASE 500 libros de literatura infantil e xuvenil publicados en galego no 2006 están a indicar, á parte da consolidación dun sector que goza de certo dunha boa saúde, que case un terzo da produción editorial na nosa lingua está destinada aos lectores máis novos. Se pensamos que hai pouco máis de 25 anos, os libros en galego para nenos e mozos existían de forma simbólica e voluntarista, cómpre recoñecer que a meta acadada sabe a éxito e gozo colectivo: o logrado por un grupo de escritores e ilustradores emerxente e en continua renovación -sinal este que promete esperanza e futuro- que contou co respaldo dunha industria editorial que soubo estar á altura das necesidades e dos riscos que este sector entraña. Porque editar un libro para nenos é sumar as forzas de moitos sabendo que, cos mesmos ou maiores custos que se afrontan desde as linguas maioritarias, se está a chegar a un mercado pequeno cun produto encarecido pola edición en cuadricromía. Neste sentido, se ao longo dos anos noventa nos laiabamos da precariedade da literatura xuvenil e da práctica inexistencia de albumes ilustrados en galego, arestora hai que celebrar tanto a fortaleza da primeira como a existencia de numerosas e interesantes propostas de álbum ilustrado, que acollen non só libros doutras linguas -e benvida sexa a calidade que nos chega a través da tradución-, senón tamén obras de autores galegos. Nesta consecución hai que lle recoñecer o mérito de pioneira á editorial Kalandraka, nacida tal día coma hoxe -no que se celebra o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil- do ano 1999. Desde entón, un cento de albumes ilustrados, que se di pronto, saíron á rúa a través da valente proposta da editora pontevedresa. Isto serviu non só para poñer a disposición dos prelectores e primeiros lectores galegos obras de calidade e beleza, senón para traer a Galicia os principais premios estatais e mundiais do sector da ilustración e da edición. Roto ese medo razoable ao álbum a toda cor e en cartoné, Xerais e Galaxia abriron as súas respectivas coleccións neste ámbito, algunhas a chegar agora aos 25 títulos publicados, nalgúns destes casos de autoría, tanto na escrita como na ilustración, exclusivamente galega. Seguiron a mesma estela, con excelentes resultados, Everest-Galicia, A Nosa Terra, Sotelo Blanco, Baía e, máis recentemente, OQO, novo selo especializado no libro infantil que, en pouco máis dun ano, xa leva editado 40 albumes ilustrados, dos cales a metade son de autoría galega, pola banda da escrita, da ilustración ou por ambos. Velaí a realidade da nova Galicia ilustrada.