AÍNDA co dó pola morte de monseñor Lorscheiter, defensor dos dereitos humanos no Brasil e apoio episcopal dos teólogos da liberación, chegounos outro duro golpe: a condena do xesuíta Jon Sobrino. Teólogo de orixe vasca (1938), leva máis de corenta anos no Salvador dedicado á docencia e a escribir, particularmente libros de cristoloxía. Co seu traballo comprometido, Sobrino tense xogado a vida polos pobres. Deu a noticia o arcebispo de San Salvador, Fernando Sáenz Lacalle, manifestando aos medios que o Vaticano amoestara ao teólogo porque o seu ensino non sería acorde coa doutrina da Igrexa; con isto, non podería ensinar teoloxía en ningún centro católico. A Congregación para a Doutrina da Fe xa lle pedira meses antes rectificar as súas posturas; pero Sobrino, despois de pensalo e consultalo con eminentes teólogos e co xeneral da Compañía de Xesús (dispoñemos da súa impresionante carta), negouse a tal rectificación. Días despois, o Vaticano deu á luz pública unha breve nota explicativa, e unha ampla notificación sobre as obras do padre Jon Sobrino, condenando algunhas das súas afirmacións teolóxicas, asinada polo prefecto, cardeal Levada, que leva o carimbo: Dado en Roma, na C. para a D. da Fe, o 26 de nov. 2006 . Acúsaselle a Sobrino de ocultar a divindade de Xesús. Pero o que lemos nos seus libros (Jesús en América Latina, 1982; Jesucristo liberador, 1991; e La fe en Jesucristo, 1999) é que non se nega a dimensión divina de Cristo, simplemente saliéntase a dimensión humana, como liberador dos oprimidos e anunciador do Reino de Deus que chega. Tamén lemos neles da conciencia de Xesús, que necesariamente debe ser humana e progresiva, como recoñece o Evanxeo de Lucas (Lc. 2, 52). A nota vaticana levou á opinión pública a pensar que, finalmente, o Vaticano «non condenaba» a Sobrino. Pero a realidade era que a prohibición de dar clase en calquera centro da Igrexa vai facerse real, seguramente por medio do arcebispo que deu a noticia; el imporía a prohibición na súa diocese, e isto faríase extensivo a toda a Igrexa. Nestes días multiplicáronse os apoios a Sobrino. Entre eles, salientan as palabras de misioneiros vascos: «Castígase a alguén que simboliza ao cristián comprometido coa realidade, coa xustiza e cos pobres, capaz de morrer pola causa de Xesús... Esperemos que os asasinos dos seus amigos non atopen nisto unha xustificación para a súa barbarie». O fundamento teolóxico da obra de J. Sobrino é o «principio misericordia» , máis que a especulación teórica. ¿Non será isto máis necesario para a teoloxía e a fe cristiá hoxe?