CELA, a pouco de entrar na RAE, se non lembro mal, fixera unha proposta para que unha acepción, penso que ' mozo de cuerda', fose retirada do dicionario na entrada gallego. É, pois, cousa vella. Penso que un xentilicio non debe ter contidos semánticos alleos á súa natureza. Se se emprega para o insulto ou para designacións despectivas, como no noso caso, deixa de ser un xentilicio. Non sei se por aquí podería telo fácil a RAE para fixar, limpar e dar esplendor a esa entrada que o BNG pretende, con razón, poñer ao día. Ademais da acepción ' tonto', se ben como empregada en Costa Rica, inclúese no dicionario da RAE a expresión mesa de gallegos, definida como aquela na «que falta pan de trigo». A verdade é que, hoxe, esta explicación non ten sentido, non define nada e non expresa ningunha realidade. Non sei se é ofensiva ou tan só unha reliquia do pasado. En calquera caso, se xa non ten contido, mellor fose, ao non ter vigor, que desaparecese. Máis decepción me dá, se cabe, a distinta maneira de definir a lingua galega («lengua de los gallegos») e a catalá («lengua romance vernácula que se habla en Cataluña y en otros dominios de la Corona de Aragón»). Pois a exactitude da referencia á lingua catalá choca coa indeterminación con que se trata a lingua galega, que tamén é romance e vernácula e que, ademais, é lingua de habitantes que non pertencen á comunidade galega. Eu diría, para rematar, que se en tempos do xeneral Franco logrou Cela que desaparecese unha acepción ben despectiva, ningunha dificultade debería haber hoxe para que se acepte a proposta do BNG. Non quero pensar que, tamén nisto, teñamos recuado. ¿Ou si?