Unha de corvos

OPINIÓN

NON SINTO grande afecto polos corvos, por estar a súa presenza asociada ao mal agoiro, pero teño unha especial simpatía polo corvo branco subsahariano que veu vivir ao Grove. Dada a época na que estamos, dubido que só estea de veraneo, e seguramente pretenda instalarse definitivamente no noso país, por iso fai amigos xuntándose a un grupo de corvos pequenos locais. Din os especialistas que se está a adaptar moi rápido. Falando de animais, debe de ser certo que os humanos somos a súa evolución, porque, aínda que non estea comparando, as condutas semellan repetirse. O corvo branco vén a esta terra e intenta introducirse no hábitat dos seus homólogos galegos. Os subsaharianos, e outros emigrantes, fan o posible por adecuarse á sociedade que os acolle; distintas especies ou distintas razas, afacéndose. O proceso non deixa de ser duro. Xa o dicía Castelao, contando a historia de Panchito, o cubano que veu a Galicia sendo un neno. Cando xa se fixo un home, sentiu a necesidade de buscar maiores riquezas. Emigrou á Habana, e alí chorou amargamente por non ser quen de adaptarse á nova terra. Tiña morriña e saudade da súa aldea, non se afacía á calor. Di que volveu «probe i endeble, pero trouxo moita fartura no corazón». Son Cousas de Castelao, cargadas de sensibilidade. Nos tempos que corren, será mellor estar atentos a estoutro dito: «Cría corvos, e quitaranche os ollos».