XOSÉ CARLOS CANEIRO
19 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.A PROXIMIDADE da fin de semana marca a columna: este grito de Munch, este bos días, este «la vida es bella» en versión orixinal. A falta dunha próxima manifestación con Rajoy á fronte (que saibas que te teño presente, Mariano, aínda que só sexa polo cuarto aniversario da ocupación de Iraq: ese país pacificado grazas a Aznar e compaña), este martes a un entráronlle ganas de falar da alonsomanía. Eu, que debo ser o único antialonso de España, observo con estupor todo o que sucede arredor do asturiano, patria querida. Declárome antialonso non por el, senón polos coches, tamén chamados monoprazas: curioso sintagma. Porque andamos con campañas antivelocidade, e tal e tal, e España está sumida en plena velocidade fórmula 1. Que si, que non ten nada que ver, que corren en circuítos. Claro, pero explíquelle vostede iso a un mozo de vinte anos, deses que morren cada sábado a bordo do seu GTI recén estreado. Explíquelle que hai varios tipos de risco e de velocidade. E explíquelle que ser guapo, ter miles de millóns e saír na tele a todas horas non mola máis que ler a Kant, que non é o porteiro do Bayern de Múnic. Pero este non era o asunto. O asunto é Espartero e a gran frase de Caparrós, adestrador do Dépor. Dixo que «este equipo los tiene como el caballo de Espartero». Sabido que os muchachotes galegos teñen na fórmula 1 e no fútbol dous referentes extemporáneos, un, na súa ignorancia, pregúntase por que nos preguntamos (redundancia volitiva) sobre o deterioro das formas e da cultura. Esa pregunta sobra. Igual que sobra que eu recorde Iraq, que son antialonso, e que algunha vez lin a Kant. ¿Para que (iso me repregunto: ¿para que?) tiramos a pasta na Cidade da Cultura? A Cidade da Cultura está na boca de Caparrós. ¡Que viva el caballo de Espartero! ¡Viva!