A SEMANA estivo ateigada de actividades a prol da muller. Concentracións, marchas, debates, conferencias, publicacións... Cada mañá, antes de saír ao traballo, procuro as novas máis salientables que chegaron coa alba, e confeso que, ultimamente, unha expectación temerosa me invade. ¿Haberá outra nova vítima? Hai veces que chego a pensar que a difusión destes violentos acontecementos alenta a certos suxeitos a levar a cabo fazañas similares, coma se se tratase dun contaxio vírico. Por desgraza, os abondosos episodios de violencia doméstica non son unha gripe que se poida controlar, porque non hai vacina que consiga os resultados esperados. ¿Cantos anos máis teremos que agardar para atopala? ¿Que campaña será efectiva e implacable? Mentres, van quedando atrás, que non no esquecemento, unha moza no Porriño, ou Mercedes en Badalona. Unha nena loita por vivir en Valladolid e unha moza de Coristanco, no Juan Canalejo da Coruña. Oxalá esperte un día no que a primeira nova que escoite sexa a da desaparición nos almanaques das festividades do Día da Muller, do Día da Paz, do Día das Letras Galegas... porque xa non as necesitamos.