QUE FORAN razóns humanitarias as que moveron ao Goberno a conceder a prisión atenuada a un asasino irredento non o cre ninguén. Que se trata dunha cesión á chantaxe e dun síntoma de debilidade do executivo é a tese do PP, aceptada por unha gran parte da sociedade. Que peor sería converter a De Juana Chaos nun mártir é a xustificación máis habitual entre os simpatizantes de PSOE. O que todos cren, dígano ou non, é que se trata dun xesto político, encamiñado a retomar o diálogo con ETA. De momento o que temos é un novo heroe para os seguidores do terrorismo aberzale. Un heroe que é a demostración viva -e non parece que corra perigo de morte- de que a mellor maneira de afrontar a negociación co Goberno é manter unha postura de intransixencia total, non ceder nin un chisco e demostrar a forza do grupo mediante atentados, kale borroka e continuos desafíos. De Juana Chaos non manifestou en ningún momento arrepentimento polo pasado nin propósito de cambio para o futuro. Celebrou os asasinatos brindando con champaña, riuse das bágoas dos familiares das vítimas e aproveitou as oportunidades que lle brindaba o internamento no hospital para burlarse das leis penintenciarias: fixéronlle fotos que foron publicadas en The Times e nun xornal de Batasuna; no primeiro parecía un esqueleto e na segunda, de pé e sen sonda, víase simplemente como un home fraco. Para remate meteu á súa moza na cama do hospital, sen que os policías que o vixiaban fosen quen de impedilo. Por certo, o seu escaso peso, que se considerou sinal de morte inminente, non é menor que o de ducias de modelos da súa mesma estatura que fan xornadas esgotadoras nas pasarelas do mundo... De Juana Chaos encarna a liña máis dura de ETA. Como mártir demostraría que a contumacia na violencia conduce á morte. Cómo heroe é un modelo a imitar. Coido que moita xente preferiríao mártir.