NON É NOTICIA menor ese acordo dos tres partidos políticos con presenza parlamentaria para regulamentar o papel do galego na escola. Certo que as medidas políticas, no que toca a leis e sucesivas normativas de normalización lingüística, veñen precedidas por un amplo consenso nestes vinte e cinco anos largos de Estatuto de Autonomía, mais non por iso o acordo anunciado o xoves pasado perde importancia. Porque desacordos ou trasacordos sobre das sucesivas normativas do galego foron desculpa para desvalorizar a súa aprendizaxe e normalización, máis para desmotivaren a quen se tiña planeada a súa propia alfabetización en galego. Engadáselle a iso retesías de pouco siso sobre da «utilidade» e mesmo apelacións á liberdade de idioma e veremos canto de difícil foi o afán normalizador e alfabetizador da escola. Teño para min que houbo ademais outro aspecto, triunfalista en demasía, sobre do coñecemento e o uso do galego por parte dos galegos. Fachendeamos por demais das nosas estatísticas de galegofalantes e da comprensión e o coñecemento do idioma, verbo daquelas publicadas no que tocaba ao eusquera e mesmo ao catalán. Este fachendear levounos a unha excesiva confianza na capacidade do profesorado para impartiren con credibilidade aquelas materias en galego que a anterior norma establecía, e supoño que iso contribuíu en parte á desvalorización pola banda dos alumnos daquel ensino recibido en galego. Porque quen tivemos que nos alfabetizar e mesmo aprender o galego chegada a adolescencia, ben sabemos das inseguridades e dificultades que tal leva. Se engadimos a perda certa da transmisión do idioma na familia e tamén o desleixamento que algúns habitantes das cidades galegas manteñen co galego, é doado explicar por qué unha boa parte da mocidade urbanita non ten o galego coma lingua de vida e relación cotiá. Sabendo que non abonda con tal acordo encol do ensino en galego, e do galego, para soerguer a fala, é de celebrar a súa chegada por canto ten de imprescindible. Matinen que tal sería unha nova retesía en torno á lingua, usada como instrumento de confrontación política, para poderen asumir o esforzo os profesores e os alumnos. Un agradece cando se goberna e fai política con siso. Máis, se toca á fala.