Missis Cantabria

OPINIÓN

24 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

QUE ALEGRÍA levaba eu se nomearan miss a unha transexual, retirada da prostitución, casada grazas á lei de matrimonios homosexuais, cun fillo etíope adoptado e co coeficiente intelectual de Einstein. Se iso sucedese, eu sería a primeira en pór a tele para non perder a gala, mesmo sería capaz de tragar a música hortera coa que amenizan o desfile de cachos de carne en bañador, en vaqueiros, en traxe de noite. E cando a miña transexual recibise a coroa de missis (o equivalente casado da miss ), eu choraría con ela ao oírlle dicir: «Cos cartos que gañe, opérome». Pero iso non vai pasar. Contradise co concepto de concurso de beleza, tan tradicional, tan machote, con esa capacidade tan súa para evadirse da realidade, convocado para unha galaxia na que as mulleres nunca quedan embarazadas. Xúrollelo: nas bases di que as misses non poden ser nais. En teoría, porque o embarazo lles estraga o corpo serrán (non as operacións estéticas). Tamén porque, de gañaren, se supón que as obrigas da Miss España impiden atender os fillos, iso que levan facendo as mulleres traballadoras desde hai décadas. Por certo, das bases de Míster España, dedúcese que os homes fabrican fillos e desenténdese. Todo moi moderno, si. Con todo, estamos no bo camiño para erradicar estes concursos. A cántabra que se lle revirou á rancia organización de Miss España non parece transexual, e o fillo polo que lle queren quitar o título de guapa parece tan hispánico coma a súa beleza morena sen celulite tras un embarazo (¡ai que ver!). Enriba, é lista: non só segue sendo guapa sen o título, senón que entendeu que xamais sería Miss (is) España, así que axenciou publicidade por onde máis lles doeu: rompeu o mito de que as guapas (e as louras) son todas tontas. ¡Moi ben!