Euríbor

| INMA LÓPEZ SILVA |

OPINIÓN

CANDO Eva e Xoán quedaron preñados, veulles o mundo enriba. Eva era bolseira e Xoán estaba no paro, cobrando unha miseria e esperando inxenuamente a que o chamaran os do Servizo Galego de Colocación. Enriba, ese mesmo día, o Euríbor subiu unha barbaridade, e como xa non eran tempos doutra cousa, decidiron ter o bebé e, xa que estaban, chamáronlle Euríbor. Cando naceu, Euríbor foi un neno precioso e repoludo, que te miraba de esguello, cun aquel de ironía. A Euríbor, con todo, non lle gustaban as cancións de berce, as ñáñaras, mamar da teta nin o chupete, pero encantáballe meter a tarxeta de crédito da súa nai na boca e destrozala coas babas de bebé máis ácidas que se viron nunca. O primeiro mes todo foi ben, pero o segundo Euríbor medrou un cuarto da súa propia estatura. Pesaba tanto que o seu pai tiña lumbago cada vez que o collía no colo. Reforzáronlle o carriño e comprobaron asustados que só comía da comida dos maiores. Aos seis meses, Euríbor xa parecía un cativo de tres anos e, cando fixo dez, pensaron en matriculalo no instituto, aínda que non soubese falar. O médico dicíalles que ás veces pasan esas cousas, que os estudos científicos din que os nenos coma Euríbor nalgún momento se estabilizan. Pero Eva e Xoán non se calmaban. Se seguían así, ían ter que vender a Euríbor a unha parella rica, a ver se eles estaban dispostos a alimentalo. Esas decisións, con todo, sempre son difíciles, así que amaron a Euríbor a pesar de que comía coma vinte nenos normais. Un día, os restos de Eva e Xoán apareceron enriba da mesa da cociña. Uns ósos limpiños que só se puideron identificar grazas aos CSI. Os veciños déronse de conta ao momento de que os comera Euríbor e de que fuxira da escena do crime. Desde ese día, sucedéronse unha serie de asasinatos. E Euríbor segue solto...