EN BURGOS andan algo enfadados porque non lles prestan para unha exposición o manuscrito de El Cantar del Mío Cid que custodia a Biblioteca Nacional. O texto está en mal estado, polo visto, e todo o que lles deixan é un facsímile. Pero a eles isto parécelles un agravio comparativo porque o Arqueolóxico Nacional si que lles prestou aos ilicitanos a súa Dama de Elche. «O Cid é Burgos», di un erudito local. E xa temos así outro conflito de reliquias desta nova Idade Media en que vivimos na que os obxectos volven ter un valor sacro como cando Santiago e Braga rifaban por un brazo de santa Susana ou un pé de san Frutuoso. Empecemos por dicir que o de Elche é un precedente mal escollido, porque a famosa escultura da Dama (como xa dixemos nesta columna) é case con toda seguridade unha falsificación. É dicir, que xa é en si mesma un facsímile como o que lles ofrecen aos burgaleses. O manuscrito do Cantar é xenuíno, polo menos. Pero a ironía é que nel, que eu me lembre, a Burgos o poñen pingando. O único veciño desa nobre cidade de quen se fala ben é ese Martín Antolínez de nome de cómic, o «burgalés complido» que «a mío Cid y a los suyos abástales de pan e vino». O resto de Burgos magoase da súa desgraza pero dálle ao de Vivar coa porta nas narices, e por isto ten que marchar a «tierra de moros» a traballar uns anos para o islamismo radical, que é onde lle dan o nome de sidi ('meu señor'), Cid. Postos a facer anacronismo, se o Cid representa algo, non é Burgos nin o españolismo que tanto abusou del, senón máis ben, por exemplo, a un arrepentido de Al Qaida. Eu estiven hai pouco en Burgos, precisamente, coa miña moza que é de alí, e vin outra vez esa estatua que teñen do Cid na que, capa ao vento, parece un Batman apuntando ameazante a súa espada ao edificio de Correos. Daquela lembrei cando, de neno, coloreaba esa figura no libro de Santillana e xa pensaba criticamente. Máis que un heroe, o Cid parecíame un antiheroe. O seu enfrontamento co rei en Santa Gadea é caprichoso e equivocado (os historiadores hai tempo que declararon inocente a Afonso VI). O Cid estafa aos xudeus e véndese ao mellor sponsor . Foron Menéndez Pidal e Charlton Heston quen fixeron del un heroe, cando en realidade o verdadeiro heroe é o xograr que escribiu de maneira tan fermosa a súa historia. E dese, nin nos lembramos do nome.