Unha de efecto

OPINIÓN

GANDHI avogou por unha India unida, onde hindús e musulmáns puidesen vivir en paz. Un 13 de xaneiro de 1948, con 78 anos, comezou un xaxún (acto non violento de manifestación) co propósito de cesar o derramamento de sangue. Pasados cinco días, os líderes de ambas faccións comprométense a deter a loita e Gandhi abandona o xaxún. Doce días más tarde, o 30 de xaneiro, foi asasinado por un fanático hindú que se opuña ao seu programa de tolerancia. Na súa memoria, declarouse esta data como Día da Paz. Para pedir paz no mundo, temos que conseguir antes que a haxa nas nacións, nas autonomías, nas familias, nas aulas, nos deportes, nos partidos políticos... Difícil tarefa cando os representantes dos gobernos non son quen de chegaren a acordos precisamente a prol da paz. ¿Como pretender acadar obxectivos máis amplos? No Congreso dos Deputados lánzanse verbas envelenadas que máis que cualificar a quen as recibe, desprestixian aos autores delas. Moitas veces penso que as ofensas desproporcionadas, que por extensión afectan aos votantes dese político, son para tapar os propios defectos, erros ou meteduras de pata. Non falo de grupos, nin de suxeitos. Falo de formas. Hainas, claro que as hai, correctas, válidas, contundentes e con efecto. Por exemplo: «¿Que carallo fai, señor Zapatero?», ou «Déixese de caralladas, señor Rajoy, e consensúe nesta loita». As dúas expresións van cargadas dunha mestura de forza, firmeza, raciocinio e achegamento. O de con efecto é como estratexia para conseguiren votos, que no fondo de toda esta guerra dialéctica é o que máis pesa, ¿non si? Polo menos os votos dos galegos serían máis doados, por aquilo do toque autóctono. Xa o dicía Mafalda. Sinceramente, ¿hai outra palabra máis socorrida ca esta? Incluso en Alcorcón, o 30 de xaneiro: Día da Paz. ¡Manda carallo!