NON É a primeira vez que o digo. Un rapaz ou unha rapaza do noso tempo, galegos e galegas do novo século, viaxados, con formación universitaria (100.000 universitarios matriculados nas nosas facultades), informados da pluralidade que lles toca vivir, abertos ao mundo, sen complexos, conscientes dos recursos de que dispoñen (criticamente conscientes) e da identidade cultural e social á que pertencen (valor de marca), están en magníficas condicións de xogar o partido. En termos futbolísticos diríamos que, sempre que saibamos aproveitar e desenvolver as nosas potencialidades, a nosa posición inicial no campo é bastante privilexiada. Falemos da lingua, por exemplo. Ou mellor: falemos das linguas. O que define o noso tempo xa non é o monolingüísmo, senón o que algunha vez temos denominado «plurilingüismo operativo»: unha lingua de identidade e tantas linguas como conveñan para as actividades que queiramos desenvolver. Así traballan as sociedades modernas: holandeses, daneses, suecos... Xa non digamos os países do Leste recentemente incorporados á UE, que teñen no coñecemento de idiomas unha das súas riquezas obxectivas. Un galego ou unha galega mozos, na Galicia nova do noso tempo, tan distinta da Galicia dos seus pais, dispón de entrada de dúas ferramentas lingüísticas que lles veñen dadas de seu. Unha: a lingua galega, lingua de identidade, pero que con pouquísimo esforzo nos conecta coa grande área da lusofonía: portugués, brasileiro e países africanos. Dúas: o castelán, lingua que está tamén na nosa historia e que nos relaciona non só coa irmandade dos pobos de España, senón, moi fundamentalmente, co grande territorio do continente americano (onde, por riba, segue viva a memoria de nós, nos fillos e netos das colectividades emigrantes, tamén bastante máis desenvolvidas e mellor preparadas do que estaban os seus pais ou os seus avós). A terceira ferramenta a conquistar, autoestrada da comunicación global, é o inglés, para coñecemento do cal o Goberno galego vén de anunciar medidas de implantación escolar dende a educación infantil (3 anos). Esta é unha carencia obxectiva que cómpre tamén superar: só un 3% da poboación galega se expresa en inglés con certa fluidez. A iniciativa do Goberno é, pois, intelixente e necesaria. Outra cousa é que fique en declaración de intencións, pois a súa posta en práctica esixe, asemade, un replanteamento radical das metodoloxías de ensino das linguas e a posibilidade de que os alumnos saian a coñecer in situ os países onde estas se falan, cuestión que tamén se contempla. Queda unha cuarta ferramenta, tan importante coma as anteriores (e tamén pendente): o acceso masivo ás destrezas das linguaxes informáticas, esoutra linguaxe da tecnoloxía da Sociedade da Información e o Coñecemento, na que tamén imos con retraso. Temos moitas máis posibilidades e moita máis riqueza potencial do que imaxinamos. Outra cousa, repito, é que acertamos a poñela en activo.