Un bispo amenazado

| VICTORINO P. PRIETO |

OPINIÓN

BRASIL é un país inmenso, rico, pero cheo de xente pobre. A pobreza ten alí a millóns de persoas nos límites máis baixos da miseria e a fame; mesmo con miles de persoas en condicións análogas á escravitude. Só no ano 2005 as persoas que foron liberadas polas autoridades brasileiras foron 4.113, e no 2006, 3.266, segundo cifras oficiais. Unha parte importante da Igrexa do Brasil, lonxe de ollar para o ceo, olla para a xente que sofre e cre que o Evanxeo é liberador, tamén nesta terra. Por iso, a súa é unha historia de compromiso; desde miles de cristiáns leigos ata moitos curas, frades, monxas e mesmo algúns bispos. A historia da Igrexa do Brasil está chea de profetas e mártires. Salientan nomes tan coñecidos como os bispos Helder Cámara, Dom Fragoso ou Casaldáliga (que non dubida en dicir que o neoliberalismo é «pecado mortal»); e frades comprometidos como frei Betto, que tentou levar adiante co presidente Lula da Silva o programa Pobreza cero, con menos éxito do que esperaba pero sabendo que mellorou notablemente a condición dos pobres do seu país. Afortunadamente, os profetas non desapareceron no Brasil. Agora ameazan de morte a Erwin Krautler, bispo de Pará e presidente do Consello Indixenista Misioneiro (CIMI). Dom Edwin predica con verbas que nos soan aquí tan ousadas como estas: «A ver cando nos damos de conta -uns e outros- que a Igrexa é a única esperanza dos empobrecidos e o principal freo que ten a nivel mundial a cultura da morte do imperialismo ¿Estarán á altura os cristiáns aburguesados dos países enriquecidos? ¿Poderemos rezar o nosopai sabendo que a inmensa maioría dos nosos irmáns pasan fame?». Este bispo, que leva vivindo máis de corenta anos na rexión amazónica, é coñecido por ter realizado múltiples denuncias por abusos contra facendeiros, madeireiros e políticos da súa rexión; ultimamente ten denunciado a impunidade no asasinato da misioneira Dorothy Stang no 2005, na que, segundo cre, estarían involucradas persoas influentes. O bispo prestou declaración na Policía Federal nos primeiros días do ano, manifestando que as últimas ameazas, a fin de ano, foran despois de ter denunciado a delincuentes que promoven o abuso sexual e a prostitución infantil, apoiados por ex concelleiros, médicos e comerciantes.