A RADIO é un medio de comunicación que permite darlle atención mentres se realizan outras actividades. Un compoñente electrónico, o transistor, facilitou reducir o tamaño e o gasto dos receptores -a pilas- concedéndolles total mobilidade. Por tales vantaxes do medio en si e sobre o receptor, aceptouse que a televisión non fose competir coa radio en audiencia. Pero o tempo todo muda: os circuítos integrados fixeron posible reducir de novo o tamaño e o consumo dos receptores, e as técnicas de pantalla plana converteron os televisores de man nuns dispositivos móbiles sen máis límite que o da visibilidade. Tamén, avanzouse coas gafas que substitúen o uso das pantallas e mesmo deixan ver a escena real do mundo en que está o usuario, mentres este dá -máis ou menos- atención ao que lle amosan os lentes. Chegouse logo ao limiar dun novo medio de comunicación, o da televisión omnipresente, competidora coa radio. E cómpre descubrir o que poida interesar deste novo medio ao usuario transeúnte. Xa se vai sabendo que o cliente do portátil con pantalliña quere ollala durante intres curtos de espera e desprazamento; e pretende que o sistema lle ofreza interactividade e posibilidade de descarga de contidos en calquera intre. A súa manifesta brevidade de atención obriga a pensar en espazos informativos curtos e series narrativas de poucos minutos por capítulo. Aínda fica por saber o que busque o usuario de gafas televisivas: se cadra, o mesmo que hoxe recibe no televisor doméstico. Ou aínda máis.