Malos hábitos

| XOSÉ CARLOS CANEIRO |

OPINIÓN

SON os malos hábitos, afirman as autoridades competentes. Os malos hábitos da cidadanía os que colapsan as urxencias hospitalarias. Vostede, que ten a promesa firme de ser operado, non soporta a dor (ou o medo) e acode a urxencias. Vostede é o culpable. Porque a Administración asegura que vai ser operado, no 2008 ou no 2009, pero será operado. Estes malos hábitos é preciso cortalos de raíz. E poñer multas, por exemplo (é unha idea gratuíta). Porque neste país os malos hábitos corrixímolos con multas ou medidas similares. Polo tanto queda vostede avisado, conspicuo cidadán: non intente adiantar a súa operación cirúrxica. Resignación, velaquí a alternativa. Resignación é o substantivo propio deste país que observa, con estupor, cómo pasa o tempo e a situación sanitaria continúa a ser a mesma. A sanidade do Pepé é a sanidade do bipartito. Teño notado cambios significativos e positivos en diversos sectores da Administración, pero en Sanidade nada se move. Todo segue igual: rematadamente mal. Moitos médicos traballan en Portugal, e en Portugal están mellor pagados. As clínicas privadas seguen a facturar millonariamente para a Administración Pública. Faltan camas e sobra burocracia. Falta eficacia e sobra demagoxia. ¿Teño que repetilo outra vez? Nada máis necesario que a educación e a sanidade. O progreso é unha cuestión de cultura (coñecemento) e saúde pública. Cando afirman que a culpa do colapso das urxencias son os «malos hábitos» están insultando gravemente aos cidadáns: que están ata o gorro da Sanidade a paso lento. Hai que meter a pasta onde a pasta é máis necesaria: en saúde e educación. Porque o demais si que resulta nefando. E non me fagan poñer exemplos, por favor, que sempre acabo falando da Cidade da Cultura: malos hábitos, simplemente.