«SEI QUE O ODIO endexamais terá a derradeira palabra». Son verbas de Marguerite Barankitsé, unha muller excepcional de Burundi radicalmente comprometida cos máis pobres, nenos orfos. A súa é unha historia inzada de atrocidades, sufrimentos e ameazas, desde as masacres na rexión dos Grandes Lagos hai unha ducia de anos. Pero Maggy non é unha muller amargada. A súa espiritualidade manifesta unha incrible forza interior que a leva a repetir, a pesar dos horrores que viu: «O amor sempre gaña; as persoas que non aman son unhas fracasadas». Con razón a alcuman o Anxo de Burundi; a revista GEO titulou unha reportaxe sobre ela: Unha santa no inferno . Pero Maggy non corresponde á imaxe típica dunha cristiá comprometida; é unha negra guapa e vestida con gusto, que desborda alegría e bo humor e fala con franqueza. Estivo por A Coruña hai uns días, invitada pola Fundación Terra de Homes, para recibir o premio da Fundación Caixa Galicia. Firme candidata para o Nobel da Paz, Maggy non busca os honores, pero ten recibido xa numerosos premios internacionais. Falou de mortes e encarnizamentos inhumanos, pero moito máis de perdón e esperanza. A que quere levar aos máis de 10.000 nenos orfos -moitos seropositivos- que ten acollidos nas súas Maison Shalom , fundadas por ela en Burundi, Tanzania e outros países veciños. Ten moitas axudas, pero non as suficientes: «Se pedise armas, daríanmas, pero non para unha terapia contra a SIDA. Este mundo é estúpido», di. «No nome do Evanxeo deixei os privilexios da miña familia -dixo-. Sabía o que me agardaba, pero dicíame: os meus irmáns e irmás están sufrindo; Deus creoume por amor, para amar. Só hai unha vocación, que é a de facer felices aos demais. Nós somos regalos de Deus para os outros». Por iso non dubida en manifestar a súa tristura pola falta de compaixón de parte da Igrexa: «Se eu son cristiá, sei que Cristo lle dixo na cruz ao bo ladrón: "Esta mesma noite estarás comigo no paraíso"». Maggy adoita repetir: «O máis importante do Evanxeo é que o amor trunfa sobre o odio... O que teño que facer se quero ser cristiá é aportar perdón ao mundo. Esta é a achega cristiá da que temos que estar máis orgullosos, porque o odio mata e o perdón dá vida». A súa mensaxe de Nadal é fondamente cristiá: «Esta é a festa da fraternidade humana. Deus fíxose carne para que nós nos convertésemos en deuses. Somos deuses pequeniños, principiños e princesiñas; por iso, non podemos vivir como escravos».