125

| XOSÉ CARLOS CANEIRO |

OPINIÓN

O PERIÓDICO que vostede observa, querida lectora ou lector, non é un obxecto repetido. Eu diría que é un obxecto único, diferente e diferenciado, emotivo. Porque a causa que alenta a La Voz é profundamente emotiva. Non coñezo ningún periódico, por exemplo, que leve no seu título a súa verdadeira filosofía (os demais chámanlle «política de empresa»). El Independiente foi un periódico que dependía; El Sol, un periódico de sombras, e El Imparcial era parcial en demasía. La Voz de Galicia, non obstante, é a voz de Galicia. É un dogma de fe. Unha filosofía, reitero. La Voz cumpriu onte 125 anos, ten case setecentos mil lectores diarios (oitocentos mil, coa edición dixital) e sae á rúa a diario co mesmo afán: quere ser a praza pública onde os lectores posúan voz. Vostede, este, aquel, len La Voz porque saben que La Voz non representa nin pretende representar parcialmente a ningún partido, facción, grupo. Non é de dereitas nin de esquerdas: o seu mundo e o seu país son Galicia. Por tal motivo é un privilexio poder escribir neste recanto. Celebrando 125 veces a quen dende a liberdade defende a liberdade. Porque o interés deste periódico é Galicia. Porque non é lacaia de ningún poder. Porque a sección de Opinión de La Voz é plural. Porque a verdade é unha meta cada día: o afán do periodismo. Porque os/as periodistas deste medio levan a vocación ardendo nos ollos. Porque dende aquí podemos dialogar con todas partes, universalmente. Porque nos sentimos defendidos por La Voz: no Prestige , na guerra, nos incendios, na economía, no deporte, na cultura, na ética... E porque un 4 de xaneiro, de 1882, nacía este diario único. Brindo por La Voz porque brindando por ti brindo por Galicia. Por Nós (con maiúsculas). Felicidades. 125 veces, corazón.