A LEI de memoria histórica vén remover para moita xente feridas dolorosas. Mesmo para a xente nova. Os netos dos que sufriron unha represión inxusta seguen sentindo a inxustiza daqueles feitos, porque as familias non esquecen, e os sentimentos pasan de pais a fillos. O outro día falaba disto cunha amiga da nenez. Seu pai era mestre na época da República, e ateo, ou quizá agnóstico. O meu era un rapaz labrego, que, como el dicía sempre, «non sabía escribir o o cun canuto». Tocoulle facer o servizo militar en África e dende alí entrou na guerra coas tropas sublevadas por Franco. Ningunha das dúas sufrimos mortes nin cadeas nas nosas familias, pero as dúas temos lembranzas dunha posguerra chea de medo. Eu lémbrome de que miña nai e miña avoa falaban dos fuxidos, e de veciños, que eran «boa xente», aos que mataron xa rematada a guerra. Falaban en voz baixa, pero eu escoitábaas. Debía de ter dez anos cando escribín un conto sobre a historia daquel bo veciño a quen lle levaban comida á cadea ata que un día lle dixeron á muller que o seu home xa non necesitaba que lle levaran nada. Miña nai e miña avoa ollaron a unha para a outra e ao fin miña nai díxome que non ensinara o escrito nin falase daquilo con ninguén. Non me mandou que o rompese. Ao pai da miña amiga requisáronlle a radio e foi «investigado». A muller convenceuno para que dixese que estaban casados pola igrexa e parece que iso axudou a que non se tomasen represalias contra el, malia a que na aldea sabían que só pisara a igrexa para a voda. Salvou a vida, comentaba miña amiga, pero ¡cantas humillacións, e canto medo! Imaxina o que serían as noites, sempre temendo que petaran á porta... e por riba sen radio... Comparado co que viviron outras xentes as nosas lembranzas son insignificantes, pero aínda así, doen. Por iso coido que é bo falar do pasado, sacalo á luz. As reaccións tan extremadas que está producindo a lei da memoria histórica é indicio de que na nosa sociedade hai aínda feridas que sangran.