¡VAIA! Non tocou a lotería. Nin un só céntimo caeu de agasallo nas localidades nas que estaban esgotados os décimos hai meses, por egoístas. Aínda que as desgrazas veñan en forma de riadas, non se poden pedir os premios con tanta folgura. Hai que ser comedidos. O caso é que era a última oportunidade de mellorar o menú das festas e engadir o marisco. Este ano tíñao claro, ía cambiar os percebes polas lagostas. É que o da unlla deste crustáceo é moi traizoeiro. Sabe moi ben, pero produce miopía de xeito inmediato. Ao comezar parecen moi grandes e, cando vas vendo a base da fonte, ¡cada vez son máis pequenos! Así que ¡este ano nada! As lagostas non teñen efectos secundarios, e poden comerse coa conciencia tranquila, aplicando o método que lles evita o sufrimento antes de ser cocidas. Unha pequena descarga eléctrica co CrustaStun déixaas insensibles á dor. ¡Pena!, tampouco vai ser posible. Son inalcanzables por estar polas nubes, e non porque teñan ás, xa me entenden. A ciencia manipula a xenética con bos resultados, pero coas lagostas non se atreveu (aínda). Utilizan as ás de Air Madrid, máis cómodas, pero con menos garantías para iren a outros lares. Mágoa que o marisco non se declare en folga nestas datas fuxindo lonxe, de vacacións, para podermos argumentar unha xustificación produtiva. Xa que non tocou o gordo (ou o calvo), ¿a onde irán parar tantas ilusións, tantas esperanzas, tantos soños? ¿Quen non fixo, aínda que fose de paso, as contas da leiteira? Primeiro queremos que nos toque, logo xa nos conformamos con recuperar o gastado, e se iso non ocorre... pois o importante é ter saúde, ¿non? Quen continúa sendo optimista aínda confía no sorteo de reis. A verdade é que o que non se consola é porque non quere. Estamos tan preto de fin de ano que todo será desexar un feliz aninovo.