Unha fórmula máxica

FABIOLA SOTELO

OPINIÓN

HOXE, Día Mundial dos Dereitos Humanos, máis de 50.000 persoas morrerán por causas ligadas coa pobreza, máis de mil douscentos millóns de persoas terán que cubrir as súas necesidades básicas con menos dun euro, e centos de nenos quedarán orfos porque os seus pais non puideron acceder aos medicamentos necesarios para frear enfermidades como a sida. Hoxe, como todos os días do ano, estarase a vulnerar un dos dereitos fundamentais do ser humano, o dereito que todos temos como persoas a satisfacer as nosas necesidades básicas -sociais, culturais e económicas- o dereito, en fin, que temos a formar parte dunha comunidade que nos permita vivir dignamente e desenvolver todas as nosas capacidades. Este dereito, o do desenvolvemento, foi recoñecido por vez primeira pola Organización das Nacións Unidas o 4 de decembro de 1986 mediante a resolución 41/128. Nel maniféstase a responsabilidade que todos temos, tanto individual como colectivamente, cos procesos de desenvolvemento, sempre dende o pleno respecto ás liberdades fundamentais e á soberanía dos pobos. Se por ter nacido galegos temos dereito a sanidade pública, a que os nosos fillos reciban unha educación de calidade e gratuíta, a un traballo remunerado que nos permita vivir con dignidade, tamén en Mozambique ou Ecuador deben poder exercelo. Nós temos a responsabilidade ética de garantir que eses dereitos se cumpran, porque non hai que esquecer que fomos os países do norte os que, durante séculos, provocamos a súa vulneración. Non podemos resignarnos á idea de que a pobreza é algo natural, sen posibilidade de solución. Ben é certo que a globalización liberal está acentuando a distancia entre países ricos e pobres, pero non o é menos que somos, segundo o programa das Nacións Unidas para o desenvolvemento humano, a primeira xeración que conta cos recursos necesarios para rematar coa pobreza. A clave está no reparto equitativo destes recursos. Dende Galicia estamos a apoiar, na medida das nosas posibilidades, todas aquelas iniciativas que redunden na mellora das condicións de vida das comunidades máis empobrecidas. A sensibilidade con aquelas situacións de inxustiza debe ser un dos activos que nos proporcione a nosa tradición de pobo emigrante, que sabe o que é verse privado da capacidade de xestionar os propios recursos. A cooperación galega, aínda que está a dar os seus primeiros pasos, mostra unha vitalidade que de seguro contribuirá, como xa o está a facer, a que miles de persoas saian da situación de empobrecemento na que viven. O noso obxectivo é pór a disposición dos pobos máis pobres do planeta a nosa experiencia histórica, os nosos valores e recursos para combater estas situacións de desigualdade, de xeito que se promova activamente o dereito a un desenvolvemento integral e sostible. Estamos xa a traballar en países dos cinco continentes, financiando proxectos que apostan pola educación, a promoción da igualdade entre homes e mulleres, a mellora da cobertura sanitaria ou o acceso a microcréditos. Somos punteiros en políticas de cooperación pesqueira, achegando todo o noso saber a aquelas comunidades que teñen na pesca un recurso co que poder alcanzar un grao aceptable de desenvolvemento. Cremos nunha cooperación na que haxa unha máxima relación entre receptor e donante, onde se dea resposta ás necesidades reais das comunidades sen crear ningún tipo de dependencia e sen establecer vínculos asistenciais. Dende a Dirección Xeral de Cooperación Exterior estamos a traballar para que os galegos se poidan sentir orgullosos de que parte dos fondos públicos se invistan en contribuír ao avance doutros pobos. Deste xeito, aprendendo uns dos outros, quizás poidamos acadar unha formula máxica que nos permita avanzar cara un mundo onde o Día dos Dereitos Humanos sexa un día de celebración e non de denuncia.