ANTONTE á noitiña, sen se anunciar previamente, a gadaña da morte levou por diante ao profesor e amigo Juan José Carreras, catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Zaragoza e mestre de toda unha xeración de historiadores españois. Foi unha morte silandeira, como a el lle gustaba entender a vida, con rigor intelectual, paixón política e solidariedade amical, pero con moita discreción. Non sei se lle gustaría que a súa morte saíse nos xornais, pero non puido evitar proclamar a miña consternación pola noticia e a miña admiración pola súa figura e obra. Aínda que levaba case corenta anos de residente na capital aragonesa, era persoa que, por orixe e por querenza, estaba moi vinculada a Galicia. Nado na Coruña, aquí desempeñou por pouco tempo, pero con moito proveito, unha cátedra na Universidade compostelá nos tempos da transición. E e na cidade coruñesa reside parte da súa familia. Formado en Alemaña, onde morou durante once anos, foi un dos grandes mestres en historiografía e teoría da Historia, na que soubo combinar a súa formación marxista cunha reflexión persoal lúcida e plural. Máis dado ao maxisterio socrático que á publicación de textos, obras como Razón de historia (M. Pons, 2000), no que reuniu parte da súa produción teórica, constitúen un referente no ámbito da historiografía española actual. Tal vez fose unha ironía do destino. Pero non deixa de ser algo máis do que casual que o profesor Carreras desapareza neste tempo de recuperación da Memoria, concepto do que pouco gustaba. Pois o seu xeito de entender a vida e a súa propia biografía intelectual e política eran inseparables daquela infancia republicana pasada na cidade coruñesa, das desventuras padecidas desde o 36 e da súa militancia política no antifranquismo. O fusilamento do seu pai, en agosto daquel ano, marcou de forma indeleble a vida daquel neno e de toda a familia, que acabou por fuxir a Madrid procurando no anonimato da grande urbe o acougo que aquí non tiña. Malia todo, nunca estivo guiado pola carraxe, senón pola esperanza de recuperar a esencia do que un día el fora: un «neno republicano». Sit tibi terra levis¿