A ÚLTIMA asemblea plenaria da Conferencia Episcopal ven de elaborar un novo documento: Orientacións morais ante a situación actual de España , aprobado por maioría con algúns votos en contra. Os bispos volven denunciar o «alarmante desenvolvemento do laicismo» na sociedade española, aínda que valoran positivamente a democracia e a Constitución. Desgraciadamente, o que moitos consideramos unha das conquistas desa democracia, que é a busca da verdade e a recuperación da memoria histórica de tantos asasinatos inxustamente silenciados, é vista polos bispos como un perigo que reabre vellas feridas. Os apartados 5 e 6 do capítulo III, sobre o terrorismo e os nacionalismos, son os que crearon máis polémica. O terrorismo é considerado «intrinsecamente perverso» e incompatible cunha visión moral da vida. Nada de particular; o problema ven cando, posicionándose nas posturas nacionalistas do PP, dise non só que calquera colaboración cos terroristas e cos que os respaldan é «obxectivamente ilícita», senón que non se lles pode «ter como interlocutor político», en aberta crítica ao diálogo coa ETA do Goberno, co apoio dos nacionalistas vascos e cataláns, para acabar coa violencia. A respecto dos nacionalismos, os bispos recoñecen a súa lexitimidade, pero tamén a «necesaria unidade histórica e cultural de España», que «pode manifestarse de moi diferentes maneiras». Un equilibrio que non nos contentou a moitos; pero compre dicir no seu favor que, polo menos, no documento non entrou o despropósito da unidade de España como «ben moral intanxible», que predica o cardeal Cañizares co apoio de Rouco e que foi duramente criticada por algúns bispos cataláns e vascos. Parece ser que tal equilibrio debeuse a Ricardo Blázquez, presidente da Conferencia Episcopal, e Fernando Sebastián, arcebispo de Pamplona e un dos relatores. Os bispos non poden esquecer a realidade lexítima dunha España plurinacional.