«De mulleres»

OPINIÓN

O PROGRAMA iniciado en La 2, dirixido por unha muller, no que interveñen só mulleres e no que se fala de temas de actualidade dende unha perspectiva feminina, levantará, sen dúbida, críticas adversas. A aplicación da política de discriminación positiva ou da lei de cotas a favor das mulleres esperta sempre críticas que se pretenden obxectivas e baseadas no máis estrito senso da xustiza. Arguméntase que non se pode loitar contra a discriminación discriminando, que toda discriminación é inxusta e que ese procedemento cuestiona o valor das elixidas, xa que non o son polos seus méritos senón por unha razón ideolóxica. Tales argumentos non se empregaron mentres as mulleres foron discriminadas negativamente, non porque carecesen de méritos senón por prexuízos e represións ancestrais. Aínda hoxe moitas empresas privadas confesan sen ambaxes que os homes resultan máis rendibles. O teito de cristal, ese límite no que rematan as aspiracións de ascenso dunha muller na sociedade, procede moitas veces da propia actitude das mulleres que, enfrontadas ao dilema de escoller entre a promoción persoal e o sacrificio da vida familiar, renuncian á promoción. Visto dende o lado da empresa significa que perderon tempo e cartos en formar a unha persoa que, á parte dos permisos por maternidade, defrauda as súas expectativas. Mentres non se produza unha paridade nos labores e obrigas domésticos, o traballo da muller fóra do fogar seguirá a estar discriminado. Polo tanto a discriminación positiva é unha maneira de corrixir a discriminación negativa que se produce de xeito espontáneo no mundo do traballo. Do programa De mulleres só direi que a min gustaríame que evitase frivolidades e bouberías, pero non vou caer no mesmo que critico: non hai por que pedirlle máis do que nos dan os programas dirixidos por homes.