Os teólogos de hoxe

VICTORINO PÉREZ PRIETO

OPINIÓN

18 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

FALABA hai uns días sobre os teólogos e o limbo dos xustos. Entre o envío do meu artigo e a súa publicación, lin unhas palabras sobre o presuntamente inútil traballo de reflexión dos teólogos. Habería dúas razóns para isto; en primeiro lugar que ao católico de a pe a teoloxía interesoulle sempre máis ben pouco, porque o presunto «problema» de Deus non parece que lle quite o sono, e a súa preocupación a respeito da relixión sería tan só garantir o mellor lugar posible no alén eterno. E en segundo lugar porque tanto para o seguidor desta ou doutra relixión, como para o que non segue ningunha, semellaría que a fe tomada moi en serio é un agobio, e os teólogos non farían máis que abondar en rigores doutrinarios. Eu lembrei outras palabras desafortunadas dun gran escritor portugués, a quen respeito profundamente, Fernando Pessoa: «A religião é uma metafísica recreativa». Oínllas a Fernando Savater, nun foro en Madrid no ano 96, no que, contratado para falar de Deus e a Filosofía, despachou o tema como «algo intranscendente» (coma o viño, a uns gústalles e a outros non). O profesor Ignacio Sotelo, que non se distingue polo seu talante relixioso, molesto pola banal descualificación da relixión ante o culto auditorio, dixo alporizado que o discurso de Savater foi «a negación da filosofía e o pensamento». Moitos dos que estabamos alí -teólogos e filósofos como Gómez Caffarena, o xa finado González Ruiz, Torres Queiruga, etcétera- agradecemos as súas palabras, porque a meirande parte dos teólogos de hoxe reflexionan sobre algo máis que sobre «o sexo dos anxos». Pode serse relixioso, agnóstico ou ateo, cristián, musulmán, budista, xintoísta ou o que se queira. Pero tanto a reflexión teolóxica das grandes relixións, como a reflexión laica da filosofía, a psicoloxía e a ciencia, ten o suficiente peso como para non ser descualificada banalmente. A palabra teolóxica foi, desgraciadamente, fonte de medo, violencia e xustificación da inxustiza, pero tamén ten sido e é intento de resposta as grandes preguntas e forza de liberación para as loitas humanas. Certamente, diversos fundamentalismos relixiosos e os mesmos cristiáns caeron nunha idolatría ao falar de Deus e o Misterio máis do que realmente podemos saber, e cumprirá ser máis parcos nas palabras sobre el, preocupándose máis de vivir acordes coa lei do amor, porque Deus é amor. Pero a teoloxía interesa máis do que din algúns, como teño comprobado persoalmente de xeito reiterado. En troques, a superficialidade, que nega o espesor da realidade, é unha grave enfermidade do noso mundo, e seguramente está na raíz de moitos xuízos sobre a relixión, á par que outras críticas máis fundadas.