Lectura pública

OPINIÓN

18 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

HAI QUE coñecer a realidade para despois, se non nos gusta, poder transformala. Especialistas, profesionais do libro e interesados na política cultural reunímonos estes días en Santiago de Compostela arredor da Lectura e as Bibliotecas, no III Simposio da Edición que organiza a Asociación Galega de Editores (AGE) en colaboración con CEDRO e o Consello da Cultura Galega. Hilario Hernández, un dos grandes especialistas no estudo da lectura pública en España, presentounos un panorama bastante desolador. Interesoume especialmente unha afirmación que fixo: sen unha infraestrutura de lectura pública axeitada, non hai posibilidade de superar certos límites de práctica lectora, e sen práctica lectora, non hai desenvolvemento competitivo posible nas sociedades da información e o coñecemento. Velaí o caso de Finlandia, a patria de Nokia. Non son moitos, pero están intelectualmente moi cualificados. O libro, a actividade das bibliotecas, a política cultural e os investimentos en educación foron (e son) a base do seu crecemento. Aquí estamos no ladrillo. O sistema bibliotecario, concibido como un servizo público, é fundamental. A realidade bibliotecaria galega precisa dun gran pulo de recursos que estimule o entusiasmo dos que traballan nos seus centros, ás veces en condicións ben ingratas, e que consolide, asemade, unha política de dotacións que está practicamente por estrear. Certo que arrastramos neste eido, coma noutros, un importante atraso histórico. Pero se perdemos o carro do coñecemento, perderemos a gran oportunidade da modernidade contemporánea, e o coñecemento non é cousa de individualidades privilexiadas; para ser realmente operativas, as estretexias de acceso á información e ao coñecemento han de atinxir ao conxunto do corpo social. Por iso a lectura pública se concibe coma un servizo. Dispoñemos na actualidade de 430 puntos de lectura pública en 252 concellos de Galicia. O 93% da pobación está teóricamente cuberta. Pero a falta de recursos, unha vez que investimos tanto esforzo en edificios (casas de cultura e similares), é abraiante. Tocamos a pouco máis ca a un traballador (¡unha persoa!) por cada centro. Hai centros que non teñen nada. Á espera de mellores tempos, os libros están baixo chave, para que non os leven. Unha parte moi importante dos fondos (47%) levan máis de dez anos sen renovarse. As organizacións internacionais aconsellan que se adquiran, para actualizar eses fondos, entre 150 e 250 libros por habitante e ano. A realidade galega non chega a 73. Ao lado de cidades como a Coruña, cunha importante rede bibliotecaria municipal, hai cidades como Vigo ou Ferrol nas que a adquisición bibliotecaria no ano 2004 foi de ¡cero libros! En Vigo, concretamente, tocamos a un traballador de biblioteca pública por cada 10.000 habitantes, fronte a Coruña (4,6). Son datos para e reflexión. Europa gasta en lectura pública unha media anual de 17,53 euros por habitante. España, 7,83 euros. Galicia, 4,99.