O QUE máis me interesou da campaña electoral que vén de rematar en Estados Unidos foi isto: parece ser que todos os políticos norteamericanos levan un frasquiño no peto da chaqueta. Non é unha petaca de whisky (iso era antes). É un poderoso antiséptico da marca Shirel que no seu prospecto garante a destrución «do 99,9% dos xermes coñecidos». Os políticos emprégano para desinfectarse a man dereita, unha vez remata un mitin no que tiveron que estreitar con ela as de centos de militantes, votantes, simpatizantes, contribuíntes e mitómanos. Todo o mundo sabe que as mans son o vehículo da maior parte dos contaxios e un político non pode poñerse malo no tramo final dunha campaña ou corre o risco de que non sexan os electores, senón os xermes, quen decidan o seu futuro. Por iso, entre os políticos xa electos de Washington hai tempo que se intenta impoñer o costume de non darse a man máis que entre si ou a industriais, empresarios, contribuíntes importantes, visitantes estranxeiros e outros personaxes dos que se sospeita que tamén empregan algún antiséptico poderoso para darlles a man a eles. Cando chega unha campaña electoral, sen embargo, non hai que lle facer: o político ten que volver poñer a súa man a disposición de calquera. O votante é o sucesor do peregrino devoto e vai ao mitin como antes se ía ás romarías: para tocar o santo. E quizais non se equivoca. A man dereita do político, o taumaturgo moderno, xa non cura a escrofulose, como dicían que facía o roce da man do rei ou do santo, pero ten poderes transformadores: é a man que asina leis e decretos. Desde logo, o votante atribúelle un valor especial a estreitar esa man, como se pode ver nas imaxes dos actos políticos, onde os asistentes arremuíñanse arredor dese apertón de mans coma peixes en torno a un anaco de pan. E o político, para quen o votante é unha especie de mal necesario, un cliente que sempre leva razón, non ten máis remedio que estender o brazo e arriscarse a coller unha gripe. Logo, mentres aínda flotan no aire as promesas que fixo no estrado como globos de cores e os asistentes ao mitin saen polos torniquetes do estadio ou do centro de congresos coa man en alto, observándoa como un obxecto sagrado, o político entrará no cuarto de baño, pechará por dentro e, lonxe da vista de ninguén, procederá con rutina ao seu ritual privado de desinfectarse a man co seu frasquiño de antiséptico.