O Brasil versus a India

| XAVIER ALCALÁ |

OPINIÓN

O BRASIL é a India das Américas: un subcontinente inmenso, cheo de variedades xeográficas e humanas e unido por unha superestrutura lingüística, a do portugués, como a India se une polo inglés. A India foi só colonia, co rango de «xoia do Imperio», mais o Brasil chegou a ser imperio, con rei portugués á cabeza. Nas dúas enormes democracias as diferenzas sociais son tan desmesuradas coma os tamaños de país e poboación. En ambas, tales diferenzas mostran xentes formadas nun alto nivel e exemplos de sectores produtivos moi avanzados. Ese mundo de primeira, alleo ao dos parias, é proporcionalmente maior no Brasil que na India. Agora o Brasil decidiu competir coa India na exportación de programas de ordenadores, xogando coa desvantaxe da formación herdada polos indios: británica, moi próxima á americana que manda no eido do software . Idioma e mentalidade dos colonizadores axudaron a que masas de cidadáns da India se formasen nos EE.?UU. en tecnoloxías da información e a comunicación. Mais nada detén os impulsores do Progresso que figura no lema patrio dos brasileiros. Seica van formar 100.000 técnicos e científicos para multiplicaren por dez as súas exportacións de produtos informáticos en catro anos. Son capaces, e o mundo tenos en conta: por importancia, Brasil é o primeiro país na lista da Comisión Europea para a cooperación en I+D coa Iberoamérica (curiosamente, en Bruxelas considéranse a Portugal e España «canles naturais» para tal cooperación; e Galicia está no medio).